Escoitar a quen sabe

Neste momento, sentada tranquilamente na miña cadeira favorita, vendo o mar ao lonxe e as rosas florecendo ao meu carón, véñenme á cabeza un montón de pensamentos, que teñen todos como nexo común unha mesma pregunta, por que cada vez máis facemos menos caso ás persoas que saben?

É dicir, en que momento deixamos de escoitar aos avós e ás avoas, que por vivir algunhas décadas máis que nós teñen unha idea máis global da vida, con multitude de vivencias e experiencias valiosas, aplicables tamén aos problemas de hoxe en día?

Pregúntome tamén en que intre o profesorado deixou de ser referencia? Aquelas mestras e aqueles mestres que sempre tiñan a palabra perfecta, cando se converteron segundo din algunhas familias en inimigos/as dos seus fillos e fillas? Recordo que as titorías antes eran cousa ben importante; nais, pais e profesorado compartían as súas opinións e en sintonía sacaban adiante a aquel alumno ao que lle quedaban 4 no segundo trimestre ou a aquela alumna á que as clases lle parecían a casa do terror.

Venme tamén á cabeza o respecto co que antes se trataba ao persoal sanitario, o que o médico dicía ou o que a doutora receitaba era cura milagreira para os a as pacientes. E xusto agora, que a súa labor está sendo tan importante a causa da pandemia pola COVID-19, cada vez escoito con máis frecuencia queixas sobre o seu traballo. Penso que o esforzo de agora, non llo pagamos entre todas e todos nin con un barco cheo de moedas de ouro.

Por suposto que hai persoas e profesionais en todas as casas e empregos que deixan moito que desexar, isto é unha cuestión obvia, pero en xeral, se unha se deixa sorprender un pouco, encontrará a seres que se deixan a alma por facer deste anaco de terra un mundo máis habitable, máis xusto e mellor.

A verdade é que eu non son nin avoa, nin profesora nin médica. Ningunha das tres cousas. Pero coido que todas elas teñen algo importante que dicir. Ao mellor basta con escoitar atentamente, e deixar que os saberes das demais persoas nos inunden.

Probamos a aprender?

Salir de la versión móvil