Vai boa que xurdiron, procedentes, como tantas cousas, de Estados Unidos, os libro de autoaxuda, que pronto pasaron de caber nunha pequena balda nas librarías a encher unha das seccións máis visitadas. Co tempo, e da man da evolución descendente da capacidade de atención do público, foron dando paso a versións máis accesibles e menos exixentes, ata chegar aos vídeos, os memes e as tazas.
E é doado burlarse da súa simplicidade, da súa inxenuidade. Doado e, ás veces, cando escoitamos a tanto famoso dando consellos obvios e dubidosamente relacionados có seu éxito, inevitable.
O outro día, eu, falando co meu fillo mentres viñamos de Santiago de deixar no seu flamante e cutre piso de estudante á súa irmá, tamén lle din un consello digno de figurar, polo menos, nunha historia de Instagram: fuxe da xente malpensada.
Pero ampliei un pouco a idea, claro: fuxe da xente que ten tendencia a sentirse agraviada, a ofenderse, que está á defensiva, que desconfía por principio, que ante a dúbida ve malas intencións, que ante a dúbida opta sempre pola lectura negativa do que pasa e dos demais. Fuxe, porque hanche quitar a alegría, porque han tender ao teu redor un velo escuro para que non entre a luz, porque son buratos negros que absorben e encerran para sempre toda a felicidade que se lles achega.
E porque, ademais, non cambian. Non cambian nunca, nunca se curan. Da igual que a vida, en contra da súa predisposición e mesmo en contra dos seus intentos de demostrar que teñen razón, lles dea motivos para desfrutar, para a calma, para a paz de espírito e o optimismo. Tanto da: non foi para tanto, foi peor do que se merecían, e dende logo non foi porque ninguén o fixera ben, senón por casualidade e a pesares dos doutros. Da igual o que pase, por bo que sexa: se se o propón, un sempre pode pensar mal, sempre pode atopar un motivo de queixa.
Porque, aínda por riba, quéixanse. Nin sequera calan e rumian á súa miserable visión do mundo en silencio: quéixanse, para deixar claro o que lles fai o mundo, para abrirnos os ollos e que vexamos que inxusta é a vida e que mala a xente. Quéixanse e dannos leccións. E amargan a calquera.
Por iso, díxenlle eu ao meu fillo, se das con algún amigo así, ou cunha rapaza, por moito que che guste, fuxe. Rodéate de xente ben pensada. Porque é a boa. Busca a alegría, a boa disposición, á confianza.
Busca a luz.
Vou deseñar unha taza coa frase.
Discussion about this post