Chegan as datas do Nadal e con elas os agasallos típicos desta tempada. É por iso, que hoxe me gustaría escribir sobre un agasallo que caeu nas miñas mans hai un ano, e que considero é de esos que podemos chamarlles auténticos recomendables. Refirome concretamente ao libro disco “Neno de Monte” do cantautor Vizcaíno.
Xabier Vizcaíno, para quen non o coñeza, é un dos prestixiosos músicos que hoxe por hoxe temos na nosa terra, irmán da tamén coñecida cantante eurovisiva Lucía Pérez, que por certo tamén pronto chegará con novidades moi interesantes a partir de Xaneiro do vindeiro ano.
Vizcaíno na súa faceta máis coñecida como músico e compositor conta cunha moi amplia discografía e con cancións que quedan na memoria e que un tararea logo a cotío: “Serendipia”, “Sete Chorares”, ou o seu máis recente “Camiños” incluído neste último traballo son algunhas delas. Outras cancións como “Na miña Pel”, último single da súa irmá Lucía, tamén son froito da súa creación. En definitiva, cancións que un acaba tendo un no seu playlist persoal, que lle chegan a un e chegan para quedarse.
Neste traballo que veño a recomendarvos, “Neno de Monte”, o músico sorpréndenos como relator, como contador de historias “ao seu xeito”, recuperadas da tradición oral dos seus avós, historias do seu querido monte na parroquia de Goo, no concello do Incio.
Sen embargo, este libro, na miña opinión, creo que nos representa un pouco a todos: a aqueles que de nenos vivimos e xogamos na aldea, a aqueles que nos lmebramos sempre dos nosos avós e das súas historias de tempos pasados, a aqueles que coma Vizcaíno levamos dentro un “neno de monte” que nestas datas de Nadal dalgún xeito sempre acabamos rescatando.