Artigo escrito o 03 de marzo de 2022
Todos e todas algunha vez na vida deixamos portas entreabertas. É dicir, que non damos por finalizado algo, ao tempo que non o deixamos aberto de par en par. Quédase entón no limbo, nun constante non pasar páxina.
Fai anos contoume unha veciña maior da vila que isto que refiro é un mal endémico da nosa sociedade, e que afecta a diferentes ámbitos; ao público, ao familiar e ao doméstico. Canta razón tiña no seu tempo, e que pouco atendín a aquilo naquel momento.
Nin a Psicoloxía nin a Socioloxía parecían moi interesadas neste asunto, mais a sabedoría desta muller, observando o cotiá da xente, doume a chave.
Faloume da guerra civil, dos dous bandos enfrontados, de como as feridas na vila nunca se pecharan, de como a poboación esquecera sen perdoar, e de como o sangue algún día volvería porque os vencedores e os vencidos nunca pecharan a porta, nunca firmaran a paz.
Faloume tamén de como o irmán de Margarida, a súa mellor amiga, nunca lle pedira perdón a esta por non levala con el á emigración, a esa terra soñada chamada Venezuela, condenándoa a unha vida de coidados na aldea. En repetidas ocasións aseguroulle que viría por ela, pero ese día nunca chegou. De novo, a porta a medio abrir.
Pero sen dúbida, o que máis lle emocionaba era recordar a súa propia historia, a Álvaro, o seu aposto noivo. Catro anos de amor e toda unha vida de desamor; unha promesa incumprida de casamento e unhas palabras que nunca pararon de resoar na súa cabeza: “pase o que pase sempre serás o amor da miña vida”. Nunca soubo exactamente o que significaba “pase o que pase”, porque como ironicamente ela dicía, a vida pasou sen que entre nós pasara nada. Creu nunha falacia porque con el, nunca pechou a porta.
Así que nos últimos anos da súa vida, tomou unha decisión simbólica pero transcendental; na súa casa as portas ou francas ou pechadas, pero nunca entreabertas. Dende aquela, foi infinitamente feliz.
Nestes días tan abruptos e confusos, cun conflito tan emerxente en Europa, penso cada vez máis nas palabras desta veciña sobre as portas entreabertas, e o papel social tan relevante que as mulleres terán nesta guerra, aínda que esta labor pase desapercibida na historia.
A piques de conmemorar o 8 de marzo, quero recordar a todas esas mulleres que deixaron e deixan moitas portas sen pechar, ás que creron, ás que agardaron, ás que confiaron…pero sobre todo ás que coidaron, loitaron e non se renderon para que novas xeracións de mulleres pechemos portas con seguridade, con determinación, con ilusión, con forza e con independencia.
Grazas a todas.