Repasar dende o principio

Ás veces é necesario que alguén veña molestarnos. Que nos mova un pouco e non nos deixe descansar nas nosas seguridades. É incómodo, e non gusta, pero é necesario, por exemplo, que alguén che faga repasar os teus argumentos, as túas conviccións, mesmo as máis básicas, que poden ser máis febles do que cremos. Que che poña diante todas as ideas e premisas que xa non cuestionas e que, polo tanto, hai moito tempo que non explicas, e che pregunte por que esas e non outras.

Por iso é tan bo coñecer xente que non opina coma nós. E xente, a poder ser, que respectemos intelectualmente, á que non poidamos despachar cun sorriso de superioridade ou un “Que saberás ti”.  Xente lista, para non poder dicirnos a nós mesmos que son só parvadas e que non paga a pena poñerse á súa altura.

E, cando pasa iso, ás veces descubrimos que algúns daqueles argumentos xa están enferruxados. Que, de non usalos, de non tocalos, de sentar enriba deles sen os mirar, esquecimos como eran exactamente. E entón, cando alguén nos pide que nos xustifiquemos, dámonos conta de que xa non sabemos ben de todo por que críamos o que cremos.

Pasado o primeiro momento de desacougo, nada de isto é malo. Ao contrario. Este voltar ao principio, ás nosas opinións máis fundamentais, e ir véndoas de novo unha a unha, é bo. E, a partires delas, ir subindo, ir percorrendo as polas do noso pensamento, das nosas ideas. E, nese camiño, comprobar se os nosos razoamentos se sosteñen ou hai que reforzalos. Se seguimos a telos claros ou haberá que revisalos, ou cambialos. Se aínda nos convencen ou algunha desas referencias coas que vivimos, que dabamos por sentadas, que mesmo usabamos para definirnos e definir aos demáis, resulta que xa non é tal, que perdeu o seu poder de convicción e xa non a vemos igual.

É útil ter bos interlocutores cos que non esteamos de acordo. Que nos poñan a proba, que nos auditen ideoloxicamente. Aínda que expoñernos dese xeito poida ser duro, o resultado, o que quede tras o exame, ha de ser mellor.

O problema é que, ás veces, dese proceso extraemos outra conclusión: que o coñecido que veu facernos pensar está lonxe de máis, que o que nos separa é demasiado. E quedamos, ao final, máis convencidos e máis sos.

Salir de la versión móvil