Tomar decisións

depositphotos_459803716-stock-photo-red-pill-and-blue-pill_auto_x2

Debo ir pola esquerda ou pola dereita? Debo coller este tren ou agardar ao seguinte? Pecho portas e abro fiestras ou todo o contrario? Estarei acertando ou me estarei equivocando?

A vida de todas as persoas está chea de incertezas; rara vez existe algo que sexa por si mesmo cen por cen fiable, e que polo tanto nos asegure que vai saír ben ou fenomenal. É por iso que aos humanos nos custa tanto tomar decisións.

Tomar decisións é unha ardua labor, que a maioría de nós imos solventando como podemos, non sen angustia, dores de cabeza, e porque non dicilo, medo ao fracaso.

É precisamente este medo a fracasar o que fai que algunhas persoas se queden en parálise perpetua ou durante algún tramo da súa vida, e que sexan incapaces de decidir, procrastinando un día tras outro para non afrontar o que pode supoñer un cambio na súa vida.

Porque irremediablemente tomar decisións implica cambiar, porque incluso cando decidimos non facer nada, estamos cambiando, a lo menos a nosa actitude, e ás veces, tamén a nosa aptitude.

De pequena sempre me dixeron que cando tivera que decidir algo importante, fixera unha lista con pros e contras, e que iso me axudaría notablemente. Pois ben, ás veces as decisións son tan transcendentais que esta lista non abonda.

Que facer entón? Hai que deixar ir o medo e todas esas emocións negativas que nos invaden; pensar que equivocarse, ou incluso darse fortemente contra a parede, non é catastrófico. Que pode doer, non o imos negar, pero que diso obteremos, de seguro, algunha aprendizaxe.

Cando dubidamos entre varias opcións, tamén serve visualizarse en cada unha delas, o máis nitidamente posible, e a tempo vista, porque podemos sorprendernos de que aquilo que en principio pensabamos que desexábamos non era tan querido, e que algo que ao comezo desbotábamos non estaría tan mal.

Dado que non hai decisións perfectas, convén máis cedo que tarde rebaixar o noso propio perfeccionismo, ese que en ocasións é pouco considerado coa nosa persoa, e nos afoga máis que nos axuda. Relativizar, ben sexa en soidade ou en compañía, pode servirnos como factor de protección.

Tamén convén, para tomar decisións, poñernos datas límites, unha data de caducidade ou de consumo preferente para decidir, por aquilo de non estar rumiando eternamente, dándolle voltas unha e outra vez á mesma “cantinela”.

E falando de cancións, xa o dicía o refrán, quen canta os seus males espanta, polo que non estaría demais que cando teñamos que tomar unha decisión, lle falemos á nosa voz interior coa letra dunha delas, tirando de sentido do humor. Sempre hai unha canción que pode definir o noso estado vital, así que encontrémola e decidamos. Se non eliximos exitosamente, sempre podemos culpar a esas verbas.

Relacionadas