Traballo, sector público e sindicatos

Reflexionaba o economista  J. K. Galbraith sobre  o paradoxo de utilizar a palabra “traballo” para describir algo que para moitos é obrigatorio, esgotador, aburrido ou desagradable , e ao mesmo tempo, para o labor daqueles para os que pode constituír un pracer e goce evidente. Na maioría dos casos quen máis gozan do traballo adoitan ser tamén os mellor remunerados.

Nos tempos de crise  que estamos a vivir, con aumento do paro e a pobreza, séguese falando de cuestións como a prolongación da vida laboral e o atraso da idade de xubilación , pero bastante menos da necesaria redución da xornada laboral, da repartición do traballo, ou da posibilidade de adiantar e flexibilizar a idade de xubilación para os colectivos máis desfavorecidos, é dicir, para aquelas persoas para as  que o goce da vida comeza cando termina a xornada laboral.

A profunda pandemia actual, está a poñer en primeiro plano, a importancia fundamental do sector público e dos seus investimentos en sanidade, educación ou no desenvolvemento da investigación básica necesaria para obter as vacinas, ademais do seu financiamento dos  ERTES, para soster o emprego, e dunha renda básica para os cidadáns máis castigados pola situación económica. As políticas gobernamentais de intervención na economía son agora ben valoradas e apoiadas polos diversos actores económicos, e mesmo comeza a considerarse a necesidade do control do goberno de empresas estratéxicas como as da auga, gas, electricidade ou enerxías renovables. Cae o mito da austeridade tan nocivo nos anos da gran recesión.

Neste primeiro de maio, en que volvemos celebrar o Día do Traballo en circunstancias extraordinarias, e cando se empeza a ver xa a luz ao final do túnel, é necesario reivindicar as políticas públicas para tirar do investimento e a creación de emprego na economía e o papel fundamental dos empregados públicos.

Para terminar, quero traer a colación, unhas palabras da recoñecida catedrática de Economía, Mariana  Mazzucato: “A xornada de oito horas, a fin de semana e as vacacións, ademais da baixa por enfermidade conseguidos polos movementos e sindicatos de traballadores non foron innovacións menos importantes que os antibióticos, o  microchip ou internet.”

 

Un artigo de Sindo Vilariño

Salir de la versión móvil