Mañá comezará no Concello de Cariño o reparto de máscaras infantís reutilizables para todos os nenos e nenas empadroados no municipio. A entrega farase entre as 10:00 e as 14:00 hora na planta baixa da Casa do Concello para a rapazada de Cariño, distribuíndose a domicilio en Feás, Sismundi, Landoi e A Pedra ó longo da xornada. De ter marxe no stock, e a posteriori, o Concello poderá realizar un reparto a rapaces non empadroados e que poidan estar pasando o período de confinamento en Cariño.
As máscaras foron fabricadas na comarca con material homologado en tres tallas diferentes, e entregaranse a nenos e nenas de entre 3 e 13 anos de idade, ambos inclusive. Non se inclúen os menores de 3 anos por recomendación sanitaria. Grazas á colaboración da Asociación Patchwork Cariño tamén se suministrará unha máscara de tea a maiores a un tutor para que poida empregala ao saír á rúa cos fillos. Á tea incorporouselle un filtro TNT, o material reutilizable recomendado.