Tres persoas -o maquinista, a interventora e un pasaxeiro do tren- resultaron feridas nun accidente de tren rexistrado na vía que une Ferrol e Oviedo como consecuencia do descarrilamento do convoi por mor dun desprendemento de terras, segundo informa Adif.
O accidente, anunciado ás 21:30 horas da noite polo ente que xestiona a rede ferroviaria en España a través da súa conta de Twitter, rexistrouse entre os concellos de Viveiro e Ortigueira. Concretamente, no concello de Mañón.
Entre os feridos evacuados do lugar do accidente atoparíase o maquinista do tren que, ao parecer, sufriría un ataque ao corazón. No operativo de emerxencia coordinado polo 112 participaron bombeiros do Eume e Viveiro, axentes da Garda Civil, o GES de Ortigueira e Protección Civil de Mañón, ademais de unidades do 061 que evacuaron e atenderon aos pasaxeiros do tren accidentado.