A política social é unha das liñas que vertebra a acción da Deputación de Lugo, un eixo que desde o ano 2019 se veu aínda máis reforzado coa posta en marcha dos tres primeiros Centros de Atención a Maiores da institución provincial, situados en Trabada, Pol e Ribadeo. En apenas catro anos puxéronse en marcha outros seis en Fonsagrada, Castroverde, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Navia de Suarna e Ribas de Sil, consolidando así un modelo único, pioneiro e público. A día de hoxe, a rede de Centros de Atención a Maiores continúa en expansión coas residencias da Becerreá, Pobra do Brollón, Guitiriz e A Pontenova, que se atopan en fase de construción, das 18 que compoñen o total do proxecto.
Neste sentido, a Deputación de Lugo conseguiu afianzar un modelo que non só é punteiro para a provincia de Lugo, senón que tamén o é para toda a comunidade galega. Esa singularidade vén dada pola aposta de residencias de pequeno tamaño, na que prima un sistema público, próximo e de calidade que pon por diante o benestar social e a dignidade persoal.

Envellecemento activo e atención personalizada
A atención que se ofrece nestes centros é multidisciplinar, individualizada e responde ás necesidades físicas, funcionais, cognitivas e sociais dos preto de 300 usuarios e usuarias que actualmente viven nas residencias. Existe unha ampla programación de actividades orientadas a promover o envellecemento activo e o seu benestar na que se inclúen obradoiros de estimulación cognitiva, actividades físicas adaptadas ou propostas culturais e de lecer. Todo isto contribúe a mellorar a autonomía persoal, reforzar as relacións sociais e crear un ambiente dinámico e acolledor no día a día dos centros.
Configúranse así residencias centradas nas persoas, que garanten un acceso xusto e en igualdade de condicións. De feito, todas elas están situadas en concellos de menos de 20.000 habitantes, favorecendo así a permanencia no entorno máis próximo, evitando o desarraigo territorial e emocional e promovendo un entorno agradable e familiar. Este é u pioneiro modelo que a institución provincial puxo en marcha en solitario para dar resposta ao reto demográfico, garantir uns coidados de calidade e asegurar o benestar das persoas maiores vivan onde vivan.


