O Concello de Brión dá comezo á súa programación especial do Mes de Rosalía cunha proposta pensada para todos os públicos. A sala municipal de exposicións acollerá mañá xoves, ás 18:00 horas, o espectáculo “Dende Rosalía”, unha actividade de dinamización cultural a cargo do grupo A Xanela do Maxín.
A iniciativa, con entrada libre e de balde, combina teatro, poesía, música e pequenas sorpresas escénicas para ofrecer un percorrido pola historia literaria galega, poñendo o foco en figuras femininas como Rosalía de Castro, cuxa obra continúa a inspirar novas xeracións.
Experiencias artísticas e musicais ao longo do mes
A programación terá continuidade o venres 20 de febreiro coa actividade “Brión, unha historia que contar”, baixo o título “O sentir universal en Rosalía”. O auditorio do centro social polivalente acollerá esta proposta que mestura interpretación, literatura e música.
No evento participarán a actriz Chiruca Tarrío, no papel de Rosalía; o músico e escritor Francisco Castro; e o grupo Teatro das Maniotas do IES de Brión. A actividade, organizada en colaboración con Latexos de Turismo, será tamén de acceso gratuíto.
Un día despois, o sábado 21, o mesmo espazo acollerá o espectáculo “Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido”, unha proposta escénica que fusiona imaxe, son e palabra. O espectáculo contará coa participación de Rafa Fernández (guitarra e composición), Tamara Andrés (voz) e Miguel G. Orive (videocreación).
Actos centrais polo Día de Rosalía
O luns 23 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía, terá lugar o acto institucional principal na Igrexa de San Xiao de Bastavales. A xornada arrancará ás 12:00 horas cun tradicional toque de campás, seguido dunha ofrenda floral promovida polo Concello.
O acto estará presidido polo alcalde, Pablo Lago Sanmartín, e pola concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e incluirá lecturas de textos rosalianos por parte do alumnado dos centros educativos locais.
Ademais, durante toda a xornada desenvolveranse iniciativas como o Caldo de Gloria e o Café con verso en establecementos hostaleiros do municipio, nos que se poderá degustar a receita tradicional inspirada na autora e recibir un poema con cada consumición.
Peche cun espectáculo poético
A programación culminará o venres 27 de febreiro co espectáculo “De nome, Rosalía”, a cargo do Grupo Ouriol, integrado por Eva Veiga, Bernardo Martínez, Fito Ares e Alfonso Costa. Esta proposta renderá homenaxe á poesía da autora, con especial atención ás obras Cantares Gallegos e Follas Novas.
A actuación terá lugar no centro social polivalente ás 20:30 horas, tamén con entrada libre ata completar aforo, pechando así un mes cheo de actividades para reivindicar a figura e o legado de Rosalía de Castro.

