Ferrol terá que vivir esta Semana Santa do recordo de imaxes de anos anteriores. A situación de excepcionalidade que se vive a causa do coronavirus non vai impedir que milleiros de ferroláns podan vivir, aínda que dunha maneira virtual, a súa Semana Santa. Para iso, a Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades vai botar man das redes sociais dende este Domingo de Ramos, ata o próximo de Resurrección para emitir, no seu horario correspondiente, cada unha das procesións do pasado ano.
“Todos aqueles que queiran seguir a Semana Santa de Ferrol, poderán facelo a través do Facebook da Xunta Xeral de Confrarías, onde todosos días poñeremos unha procesión á hora que tiña que saír”, explicou César Carreño, presidente da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades de Ferrol.
As redes tamén van servir para difundir diversas iniciativas: haberá xogos para adiviñar a que terzo corresponde cada hábito, subiranse as esceas de Semana Santa con bonecos ou figuriñas que envíen os veciños e as bandas de música tamén farán vídeos interpretando música confrade.
Actos en setembro
Tras a suspensión das procesións, o Vaticano abriu a porta a que as Dioceses decidan se celebran algún acto de Semana Santa máis adiante e chega a apuntar como posibles os días 14 e 15 de setembro. A este respecto, a Xunta de Confrarías da Semana Santa de Ferrol estudará no seu momento, unha vez que terminen as medidas de confinamento, a realización dunha procesión magna ou algún outro acto de tipo extraordinario. De ningún xeito isto significa trasladar a Semana Santa, que este ano haberá que vivir dunha maneira diferente, en recollemento e dentro de casa.
Á marxe da posible organización dalgún evento en setembro, as confrarías poñen a súa vista en traballar para a Semana Santa de 2021, que se desenvolverá entre o 28 de marzo e o 4 de abril.
Discussion about this post