O sistema de axudas Plan VEO para garantir o acceso á correcta visión dos nenos e nenas de ata 16 anos consolídase en Galicia ao ser a comunidade de España onde máis nenos foron beneficiados no ano 2026.
O proxecto xorde do Ministerio de Sanidade, o cal firmou co Consello de Ópticos e Optometristas. Segundo os datos, por cada 10.000 mozos e mozas de menos de 16 anos, 620 aproveitaron as vantaxes do programa. Galicia é seguida por Castela e León, con 599 solicitantes e Castela-A Mancha con 570.
No primeiro semestre do ano, un total de 21.762 rapaces utilizaron a axuda económica. Deles, 9.094 na Coruña, 7.732 en Pontevedra, 2.518 en Lugo e 2.418 en Ourense. Os beneficiados puideron realizalo nas 582 ópticas que xa se sumaron ao proxecto, das cales 254 están na Coruña, 206 en Pontevedra, 69 en Lugo e 53 en Ourense.
Tal e como explica o Ministerio de Sanidade, o proxecto dota de 100 euros por persoa ao ano para a adquisición de gafas ou lentes de contacto co obxectivo de asegurar o acceso á correcta visión de nenos, nenas e adolescentes para garantir o seu desenvolvemento social, académico e psicolóxico. A axuda estará dispoñible ata o 31 de decembro de 2026.