Os veciños da Illa de Ons protestan trala prohibición das súas festas patronais

Os veciños de Ons, fartos de "anos de recortes" aos seus dereitos, saíron á rúa e paralizaron o desembarco dos visitantes á illa
BeFunky-collage-5

Este domingo decenas de veciños da Illa de Ons, en Bueu, saíron á rúa para paralizar o desembarco dos visitantes á illa como modo de protesta. Denuncian que nos últimos anos veñen de sufrir «recortes» nos seus dereitos: «o último dunha longa lista» é a prohibición por parte do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia de celebrar a súa verbena durante as Festas de San Xaquín.

«Primeiro foi a expropiación e implantación dunha concesión nas nosas propias casas, seguimos con limitacións para poder realizar obras de reformas (pero eles poden construír un chalé como punto de información) e este ano chega a negativa para celebrar as nosas festas patronais», denunciou a través das súas redes sociais a organización Ons en Loita.

A negativa chegou o venres 14, cando o Concello de Bueu recibiu unha comunicación por parte do Parque Nacional Illas Atlánticas na que, aínda que permitían celebrar as festas, prohibían a verbena do sábado 22 polo Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) de Ons, onde non se permite a utilización de megafonía na illa, necesaria para as actuacións musicais. Moitos veciños denunciaron que esto era incongruente, xa que o plan leva en vigor dende 2019 e nunca antes houbera ningún problema ata agora.

«Unhas festas que comezan o sábado 22 de agosto ás 22:00 horas, unha verbena pequena cun grupo de música pequeniño e que finaliza as 03:00 horas (…) encargamonos de todo, recollemos nós mesmos a basura que xera a festa. Somos os primeiros que queremos que a nosa illa, as nosas casas, sexan un lugar limpo, seguro e respetado. Pero parece que o señor director do Parque Nacional non o entende», continuaba Ons en Loita.

Ante a situación, este mesmo luns o Concello de Bueu reuniuse con algúns integrantes da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons para atopar solucións. Carmen García, concelleira de Cultura, xunto coa tenente de alcalde Isabel Quintás e o concelleiro de facenda Xosé Leal, acordaron enviar hoxe mesmoun escrito a Parques Nacionais.

«Se o Concello non recibe resposta antes do xoves, convocarase unha xunta de voceiros para, de ser o caso, elaborar unha declaración institucional que referende o compromiso coa veciñanza e a celebración da festa que conta con tanta tradición e historia no arquipélago”, sentenciou o Concello.

O que teñen claro os veciños é que, pase o que pase, a verbena vaise celebrar. «Os que nos seguides e xa tendes pensado vir a festa, non canceledes o plan: a festa vaise celebrar, é a nosa cultura, son as nosas raíces e non imos recúar», sentenciaban dende a organización.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.