Só un grande partido, o BNG e outro, Ciudadanos, concorren con mulleres como candidatas nas eleccións ao Parlamento Galego. Son Ana Pontón e Beatriz Pino. A sarriá Ana Pontón (1977) repite por segundo mandato como candidata á presidencia da Xunta. Foi a primeira muller el liderar a fronte nacionalista, da que tamén é a súa portavoz nacional, tras a asemblea nacional do BNG no 2016. É deputada por Parlamento dende as eleccións de 2005 e no 2012 xa foi nomeada voceira do grupo parlamentario. No 2016 foi candidata dos nacionalistas ás eleccións á Xunta.
Pontón ostenta un respaldo absoluto das bases que a referendaron no posto con máis dun 98% dos votos. Licenciada en Ciencia Políticas pola Universidade de Santiago, está vencellada aos movementos estudantís dende os 16 anos. Dise dela que é a candidata capaz de aglutinar ao nacionalismo máis ortodoxo coas novas correntes soberanistas. Pontón conta cunha importante bagaxe na vida política e un amplo coñecemento da actividade parlamentaria tras máis de catorce exercendo como representante pública. Será a cabeza de lista do BNG na Coruña.
Beatriz Pino (1975) é unha xornalista viguesa que exerceu a súa profesión en Madrid tras rematar os estudos na Universidade Carlos III. Pasou polos informativos de Telemadrid, de Antena 3 e finalmente recalou na Televisión de Galicia no ano 2013.
Foi a partir do ano 2016 cando estivo vencellada ao partido laranxa como responsable de prensa en Galicia. Pino encabezou as listas de Ciudadanos ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra nas Elección xerais de abril de 2019, resultando escollida deputada. Pero na repetición electoral dese mesmo ano xa non obtivo escano.
O partido nomeouna voceira do Comité Autonómico de Galicia de Ciudadanos e concorrerá como cabeza de lista pola provincia de Pontevedra. É a candidata oficialista do partido, nomeada pola que vai ser a próxima secretaria xeral de Ciudadanos, Inés Arrimadas.
Discussion about this post