A Festa da Ameixa do Carril volverá reunir os vindeiros 8 e 9 de agosto a veciñanza e visitantes arredor dun dos produtos máis representativos desta localidade de Vilagarcía. A celebración chega este ano á súa 31ª edición e manterá unha programación que combina gastronomía, música e tradición, cunha especial atención á ameixa de Carril.
A festa foi presentada na praia de Portugalete nun acto no que participaron o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Álvaro Carou; e o patrón maior de Carril, Javier Quintáns.
Unha fin de semana para poñer en valor a ameixa
A programación arrancará o sábado 8 de agosto ás 17.30 horas cunha Regata de Vela Latina, que dará paso pola noite á principal proposta gastronómica da primeira xornada.
Ás 21.30 horas terá lugar a apertura oficial da festa e a degustación de arroz con ameixas e berberechos do Carril, unha proposta que estará acompañada polo Grupo de Gaitas Brisas do Ulla e The Music Box Band.
A organización decidiu reforzar este ano esta proposta despois do éxito da pasada edición, na que o arroz con berberechos tivo unha gran acollida.
9.000 racións de ameixa á mariñeira
O domingo será o día grande da celebración. Desde as 11.00 horas, as rúas de Carril estarán animadas polos pasarrúas de Xirifeiros, Brisas do Ulla e Airiños do Carril, creando o ambiente previo á tradicional degustación.
A partir das 12.00 horas comezará o reparto das racións de ameixa á mariñeira, para o que a confraría reservou arredor de 3.000 quilos de marisco, suficientes para preparar unhas 9.000 racións.
A degustación estará acompañada pola música de Pablo Balseiro & The Verbenian Orchestra, que poñerá banda sonora á xornada gastronómica.
A festa mantense nun ano complicado para o sector
A edición deste ano está marcada tamén pola difícil situación que atravesa o sector marisqueiro, despois dos danos provocados polas choivas nos bancos marisqueiros e parques de cultivo. Malia estas dificultades, Carril aposta por manter unha celebración con máis de tres décadas de historia e continuar reivindicando a calidade e o valor do seu produto.
A organización optou ademais por axustar o gasto e concentrar os recursos nas actividades principais da festa, mantendo a degustación como gran protagonista do domingo.
As persoas interesadas en participar na degustación poderán adquirir as entradas o venres 7 de agosto na praza de Galicia, no posto habilitado para a festa, ou a través de internet na plataforma municipal.
A 31ª Festa da Ameixa do Carril busca así volver converter a localidade nun punto de encontro para veciñanza e visitantes, combinando durante dous días gastronomía, música, tradición mariñeira e actividades para todos os públicos arredor dun dos produtos máis característicos da ría de Arousa.