A Festa da Auga reduce un 9,3% o consumo de auga en Vilagarcía pese ao aumento de asistentes

O consumo rexistrado o 16 de agosto foi o máis baixo dos últimos seis días, mentres que a celebración reuniu unhas 35.000 persoas, un 16% máis que en 2025
Festa da Auga(1)

A celebración da Festa da Auga de Vilagarcía non supuxo un incremento do consumo de auga municipal, segundo os datos facilitados por Espina & Delfín. Ao contrario, o gasto de auga durante o 16 de agosto foi o máis baixo dos seis días analizados, mesmo nunha xornada marcada polas altas temperaturas e por unha maior afluencia de público.

En total, o municipio consumiu 9.201 metros cúbicos de auga durante o día de San Roque, fronte aos 10.145 m³ rexistrados na mesma xornada de 2025. Isto supón unha baixada do 9,3%, a pesar de que a asistencia á Festa da Auga pasou das 30.000 ás 35.000 persoas.

O día con menor consumo da semana

Para analizar o impacto da celebración, comparáronse os datos do 16 de agosto cos dos días anteriores e posteriores. A cifra rexistrada durante a Festa da Auga quedou por baixo de todas as demais: 11.303 m³ o xoves 13, 11.137 m³ o venres 14, 10.257 m³ o sábado 15 e 11.126 m³ o luns 17, tamén festivo.

O dato reforza así a tendencia observada en anos anteriores, segundo o Concello, que sinala que a celebración non provoca un aumento significativo do consumo de auga no conxunto do municipio.

Menos consumo tamén na zona da festa

Os datos permiten afinar aínda máis a análise ao diferenciar as distintas zonas de subministración. Dos 9.201 m³ consumidos en todo Vilagarcía o 16 de agosto, 6.793 m³ corresponderon á zona centro-sur, na que se desenvolve a Festa da Auga.

A Festa da Auga | CONCELLO DE VILAGARCÍA

Esta cifra tamén foi inferior á do ano pasado: supón un 14,5% menos que os 7.951 m³ rexistrados en 2025 nesa mesma área. Un descenso especialmente significativo tendo en conta que a celebración contou este ano con 5.000 asistentes máis.

O lixo si aumenta co público

A evolución foi diferente no caso dos residuos. O incremento de asistentes traduciuse nun aumento da cantidade de lixo recollido no conxunto do municipio, que pasou dos 87.360 quilos de 2025 aos 93.480 deste ano, un 7% máis.

Porén, no propio epicentro da celebración —incluíndo zonas como as praias, o TIR ou Miguel Hernández— retiráronse 2,5 toneladas menos de residuos que na edición anterior. En concreto, pasouse de 46.840 a 44.300 quilos.

Os responsables de Urbaser xa advertiran durante o propio día de San Roque dunha maior dispersión do público durante a noite previa, unha circunstancia que podería explicar que unha parte maior dos residuos se xerase fóra das zonas tradicionalmente máis vinculadas á celebración.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.