O podcast será o protagonista este ano do ciclo Muller e Cultura, unha iniciativa da Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía que busca achegar este formato de comunicación aos colectivos femininos e reivindicar as súas posibilidades como ferramenta de participación e transformación social.
Baixo o lema “As que contan”, a programación desenvolverase entre o 18 e o 26 de setembro e levará parte das actividades ás rúas da cidade. O programa inclúe tres emisións de podcasts en directo, un obradoiro de radio comunitaria destinado a asociacións, unha mesa redonda e diferentes propostas culturais e musicais. Todas as actividades serán de balde.
A iniciativa pon o foco nas mulleres que crean, producen e conducen podcasts, pero tamén nas posibilidades deste formato para facilitar a creación e difusión de contidos. A accesibilidade e a facilidade para producir e compartir programas fan do podcast un medio flexible, capaz de chegar a públicos diversos e de xerar novos espazos para a conversa, a reflexión e o intercambio de experiencias.
Tres podcasts en directo no parque Miguel Hernández
O parque Miguel Hernández converterase nun estudio de radio ao aire libre durante tres xornadas do ciclo, con programas realizados en directo e abertos á participación de mulleres vinculadas a diferentes profesións e movementos asociativos.
A primeira emisión será o venres 18 de setembro, de 19:00 a 20:00 horas, a cargo de “A xanela das Fucas”. Baixo o título “Vilagarcía entre veciñas: a vivenda, a sanidade pública e a Ría de Arousa”, o programa abordará diferentes cuestións relacionadas coa realidade da cidade e coa participación das súas veciñas.
O sábado 19, tamén de 19:00 a 20:00 horas, será a quenda de O Faiado, cun programa dedicado á tradición galega desde a perspectiva feminina.
A terceira emisión terá lugar o sábado 26, de 12:00 a 13:00 horas, e correrá a cargo do colectivo “Prendidisima con Mai Insua”. Neste caso, o podcast será unha homenaxe compartida á activista Lola Ferreiro.
En todas as emisións está prevista a participación de mulleres representantes de diferentes ámbitos profesionais e asociativos vinculados ás temáticas que se abordarán. Se as condicións meteorolóxicas non permiten realizar as actividades no exterior, as emisións trasladaranse á Praza da Peixería.
Formación en radio para os colectivos do municipio
A programación tamén incorpora unha vertente formativa. O xoves 24 de setembro, a sala de conferencias do Auditorio acollerá un obradoiro de radio comunitaria dirixido aos colectivos do municipio.
A formación será impartida pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e desenvolverase entre as 18:00 e as 20:00 horas.
A participación será gratuíta, aínda que será necesario realizar inscrición previa na Área de Igualdade.
Unha mesa para reflexionar sobre o papel da radio
O ciclo continuará o venres 25 de setembro cunha mesa redonda no Salón García, baixo o título “A radio como ferramenta pedagóxica, feminista e comunitaria”.
A actividade servirá como espazo de debate e reflexión arredor das posibilidades da comunicación radiofónica e do seu papel como ferramenta para a participación e a creación de comunidade.
A programación de Muller e Cultura completarase con propostas de carácter máis lúdico e festivo, entre elas unha ‘picada’ a cargo de Yaya DJ e unha foliada, tamén dentro dunha programación que aposta por achegar a cultura e a comunicación aos espazos públicos da cidade.
Con As que contan, Vilagarcía pon así o foco nun formato de comunicación que permite crear e compartir contidos con poucos medios e que, desde a perspectiva do ciclo, pode converterse nun espazo para dar voz ás mulleres, compartir experiencias e xerar conversación arredor de cuestións sociais e comunitarias.