Un total de 28 persoas maiores e dependentes de Vilagarcía beneficiáronse durante 2025 do programa Xantar na Casa, unha iniciativa de atención nutricional que ofrece comidas preparadas e adaptadas ás necesidades de cada persoa directamente nos seus domicilios. O Concello, a través dos Servizos Sociais, destinou o ano pasado 21.600 euros ao financiamento deste servizo.
A idade media dos usuarios situouse nos 84 anos, nun programa especialmente pensado para persoas que viven soas, presentan dificultades de mobilidade ou precisan apoio para garantir unha alimentación adecuada no seu día a día.
Menús adaptados ás necesidades de cada persoa
O funcionamento do Xantar na Casa baséase na entrega semanal de 14 comidas, correspondentes aos sete xantares e sete ceas de toda a semana. Os menús son variados e equilibrados e adáptanse ás prescricións médicas e ás necesidades específicas de cada usuario.
Deste xeito, pódense ofrecer, por exemplo, dietas baixas en sal ou menús con alimentos de textura branda para persoas con dificultades para mastigar. As comidas entréganse en recipientes individuais preparados para a súa conservación no frigorífico e para poder ser quentados no microondas.
A medida permite tamén reducir os riscos asociados a cociñar para persoas dependentes ou con problemas de mobilidade, ao tempo que garante que dispoñan diariamente dunha alimentación axeitada.
A maioría das persoas usuarias son mulleres
Das 28 persoas atendidas durante o ano pasado, 20 foron mulleres e 8 homes. No caso das mulleres, a idade media foi de 85 anos, cunha franxa que foi desde os 53 anos da usuaria máis nova ata os 101 da máis maior.
Entre os homes, a idade media situouse nos 83 anos, con usuarios de entre 61 e 92 anos.
O servizo pode prestarse de maneira independente ou como complemento doutras prestacións dos Servizos Sociais municipais. De feito, sete das persoas beneficiarias do Xantar na Casa tamén recibiron durante 2025 o servizo de Axuda no Fogar.
Unha comida que tamén permite facer seguimento
Ademais de garantir a correcta alimentación, o programa ten outra función importante: facilitar un seguimento continuado das persoas usuarias.
A entrega das comidas realízase semanalmente nos domicilios, polo que o persoal encargado do servizo ten contacto habitual coas persoas beneficiarias. Isto permite comprobar como se atopan e detectar posibles necesidades ou situacións que requiran atención.
En caso de observar algunha incidencia, esta comunícase aos Servizos Sociais municipais, que poden valorar a situación e activar os recursos necesarios.
Así, o Xantar na Casa combina atención nutricional, acompañamento e prevención, contribuíndo a que as persoas maiores ou dependentes poidan permanecer nos seus fogares durante máis tempo e manter o maior grao de autonomía posible.