Vilagarcía revive o histórico regreso de Castelao a Galicia cunha mostra sobre unha xornada que marcou a memoria do país

A sala Antón Rivas Briones reúne 52 fotografías inéditas de Xan Carballa e documentación histórica arredor da repatriación dos restos do líder galeguista en 1984
Exposición Castelao. O retorno a Galicia, 1984 | Concello de Vilagarcía
Exposición Castelao. O retorno a Galicia, 1984 | Concello de Vilagarcía

A memoria dun dos episodios máis simbólicos da historia recente de Galicia chega desde este xoves á sala Antón Rivas Briones de Vilagarcía. A exposición Castelao. O retorno a Galicia, 1984 reconstrúe, a través de fotografías, documentos e pezas de gran valor histórico, a xornada na que os restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao regresaron definitivamente á súa terra tras máis de tres décadas de exilio.

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 29 de marzo e propón unha viaxe visual ao 28 de xuño de 1984, día no que Galicia recibiu os restos do intelectual, artista e político galeguista nun acto cargado de simbolismo que reuniu a milleiros de persoas en Santiago de Compostela.

O núcleo da exposición está formado por 52 fotografías realizadas polo xornalista gráfico Xan Carballa para o semanario A Nosa Terra. As instantáneas documentan os distintos momentos dunha xornada histórica que tivo como escenarios principais o aeroporto de Lavacolla, os arredores de San Domingos de Bonaval e o Panteón de Galegos Ilustres, lugar onde Castelao foi finalmente soterrado.

Un relato visual dun momento histórico

Máis alá do seu valor documental, as imaxes ofrecen unha crónica directa da emoción e da carga política que acompañaron o regreso dos restos do que foi unha das figuras centrais do galeguismo do século XX. A exposición está comisariada por Xosé Enrique Acuña, autor dunha recoñecida fotobiografía sobre Castelao, e conta coa colaboración do Museo de Pontevedra.

Exposición Castelao. O retorno a Galicia, 1984 | Concello de Vilagarcía

O percorrido expositivo complétase con textos, publicacións da época, fotografías históricas e diferentes materiais procedentes tanto de coleccións particulares como de institucións galegas. O obxectivo é contextualizar un acontecemento que marcou un fito na recuperación da memoria colectiva durante os primeiros anos da autonomía.

Castelao falecera en Bos Aires en 1950, onde viviu os seus últimos anos tras o exilio provocado pola Guerra Civil e a posterior ditadura franquista. Os seus restos permaneceron no cemiterio da Chacarita ata que, xa en democracia e despois de que o Parlamento galego asumise a reivindicación do seu retorno, puideron ser trasladados a Galicia.

Pezas singulares e documentos inéditos

Entre os elementos máis destacados da mostra figuran algunhas pezas pouco habituais para o público. É o caso do pasaporte diplomático que acreditaba a Castelao como ministro do Goberno da República no exilio ou dos singulares álbums que recompilan as súas estampas de guerra editadas en Shanghai, un material bibliográfico excepcional pola súa rareza.

A exposición tamén incorpora fotografías do enterro celebrado en Bos Aires e un dos documentos máis reveladores da persecución sufrida polo intelectual durante a ditadura: o expediente completo de “responsabilidades políticas” aberto polos tribunais franquistas, un proceso que se prolongou entre 1937 e 1962, máis dunha década despois da súa morte.

Exposición Castelao. O retorno a Galicia, 1984 | Concello de Vilagarcía

Con este conxunto de materiais, a mostra non só recupera a memoria do regreso de Castelao, senón que ofrece unha visión ampla da súa dimensión política, cultural e humana, converténdose nunha oportunidade para revisitar unha figura esencial da historia contemporánea de Galicia e comprender o significado que tivo o seu retorno para varias xeracións de galegos.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.