A Fundación Exponav retoma este sábado ás once da mañá as visitas guiadas gratuítas ao Museo da Construción Naval, que durante o mes de outubro celebraranse dous días, o 10 e o 17.
A situación sanitaria limita o número de persoas que poden participar en cada visita, de maneira que é necesario reservar con antelación a través do correo electrónico [email protected] ou ben chamando ao número de teléfono 981 359 682. Antes da visita, os integrantes do grupo -que deberán levar máscara- pasarán por un espazo de desinfección de calzado, un medidor de temperatura corporal e un dispensador de xel hidroalcohólico.
No percorrido farase un repaso pola historia da construción naval, desde a carpintería de ribeira ata os estaleiros e a súa evolución, deténdose ademais en pezas destacadas do museo como os restos da fragata Magdalena, afundida nas costas de Viveiro a principios do século XIX. Tamén se explicarán os detalles da sede do museo, que no século XVIII prestou servizo á Armada como ferrería.