O Concello de Ferrol e a asociación Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena presentaron esta mañá a Fashion Weekend, que terá lugar mañá venres pola tarde e o sábado pola mañá en horario comercial con descontos de ata o 30% en produtos de nova temporada. Cristóbal García Nores, e a vicepresidenta, Paula Ramos.
A edil de Promoción Económica, María Teresa Deus, explicou que o evento forma parte dos proxectos de dinamización do comercio local postos en marcha pola entidade no marco das subvencións ofertadas polo Concello de Ferrol a través do programa municipal ‘Ferrol Cidade Viva’, un plan deseñado pola concellería de Promoción Económica co fin de potenciar e dinamizar o comercio e a hostalería local. Nesta ocasión, e co fin de evitar aglomeracións, o evento celebrarse ao longo de dous xornadas.
Pola súa banda, o presidente de Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena, Cristóbal García Nores, agradeceu “o apoio do Concello de Ferrol ao comercio local” para “seguir sumando entre todos” e sinalou que este ano, como consecuencia da covid- 19, o evento desenvolverase sen aglomeracións, sen actuacións na rúa —só música itinerante— e cumprindo todas as medias de seguridade e aforo”. Paula Ramos, vicepresidenta de Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena, destacou o “importante esforzo” que realizan os comerciantes da cidade con importantes descontos e promocións en produtos de temporada —que poden consultarse nas súas redes sociais — e sinalou que o éxito do comercio ferrolán se debe á “calidade” da súa oferta e á “atención personalizada”.
Outras accións para impulsar o comercio local
A concelleira socialista resaltou a “gran calidade” dos negocios da cidade así como “a boa atención personalizada que ofrecen os nosos emprendedores”. Na súa comparecencia, a edil lembrou que o Concello de Ferrol desenvolve na actualidade diversas accións de apoio ao tecido económico da cidade, como o resto de liñas de actuación do programa ‘Ferrol Cidade Viva’ —formación a comerciantes e asesoramento individualizado— e os dous millóns de euros en axudas que o Concello destinou a autónomos e pymes da cidade a través do Plan de Mellora para a Empregabilidade (PAME-Ferrol).