A área sanitaria de Ferrol acumula xa dúas semanas consecutivas de descenso do número de casos activos por Covid-19. Se o pasado 24 de setembro eran 179 os número de contaxiados en Ferrol, Eume e Ortegal, hoxe son 102, o que supón case unha media de seis curados diarios nas últimas 14 xornadas. Ademáis, tamén se reduciu o número de hospitalizados e actualmente son 3 as persoas ingresadas no Arquitecto Marcide por complicacións respiratorias causadas polo coronavirus.
Nas últimas 24 horas producíronse 14 novas altas epidemiolóxicas e rexistráronse 8 novos casos. En total, xa son 997 os veciños ou veciñas que superaron o Covid na área sanitaria, mentres que 34 persoas perderon a vida durante esta pandemia. Con estes datos, a área de Ferrol lidera o descenso xeneralizado de casos en Galicia. De feito, nesta zona a positividade é dun 1,5% fronte ao 3,4% da comunidade e a incidencia das últimas dúas semanas é de 34 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 109 da media galega.
Dos actuais brotes, os que máis preocupan son os de Ortigueira, que ten a medio centenar de persoas en corentena e a alta taxa de contaxios nun concello tan pequeno como Cerdido, que supera os 1.000 casos por 100.000 habitantes. Outros concellos onde no Covid está a golpear con forza, aínda que cunha incidencia menor que a media galega, son Pontedeume, Ares, Cedeira ou Mugardos.