Esta semana deron comezo as obras de renovación e mellora do colector que canaliza o regato que discorre baixo o parque de Vizús, na parroquia eumesa de Centroña. Debido ao mal estado de conservación do colector, producíronse constantes fugas e filtracións ao longo dos últimos anos, debilitando a cimentación da pista polideportiva e afectando gravemente á súa estrutura e estabilidade.
Os traballos consisten na demolición da soleira de formigón actual para proceder á substitución da totalidade do colector que discorre baixo o parque e pista polideportiva, construíndo posteriormente unha nova soleira e renovando toda a plataforma da pista.
“As obras están a ser financiadas íntegramente polo Concello de Pontedeume, grazas á nosa situación económica saneada podemos acometer este tipo de actuacións que melloran a vida diaria dos veciños e veciñas”, asegura o alcalde, Bernardo Fernández.
Desde o ano 2015, o actual grupo de goberno desenvolve un plan integral para a mellora e a renovación dos servizos e infraestruturas da vila eumesa, tanto no casco urbano como nas parroquias.