O Día Mundial da Saúde Mental conmemórase mañá 10 de outubro. Con motivo desta data, dende o Concello de Narón amosouse publicamente un ano máis o respaldo ás persoas que padecen este trastorno e ás súas familias. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Sanidade, Santiago Galego, participaron nunha rolda de prensa á que tamén asistiron Félix Pena, presidente da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Jose Manuel Mauriz, usuario da entidade, e Antonio Núñez, xefe do Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol. “Salud mental y bienestar, una prioridad global” é o lema da campaña deste ano, que debido á situación sanitaria se desenvolverá dun xeito diferente.
A alcaldesa recalcou o apoio que se presta dende o goberno local a entidades como Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, coa que se asina anualmente un convenio de colaboración para ofrecer os seus servizos á cidadanía nesta área. “É fundamental a atención sanitaria e psicolóxica ás persoas con problemas de saúde mental, colectivo co que temos que continuar traballando día a día para lograr a súa plena inserción social e garantir o seu benestar, poñendo á súa disposición dende as administracións todos os recursos que estean na nosa man”.
O presidente da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal asegurou que é preciso “levar a cabo campañas informativas, de sensibilización e reivindicación dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental” e recalcou que “todas as persoas deben ter acceso a servizos públicos de saúde mental de calidade”. En canto ás prioridades en materia de actuación na actual situación de pandemia, Félix Pena enumerou a necesidade de asegurar a atención en saúde mental, construír servizos de saúde mental do futuro e acadar un compromiso firme a prol da saúde e o benestar.
Na convocatoria desta mañá o xefe do Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol, Antonio Núñez, indicou que “a saúde mental é unha das áreas máis desatendidas dende a saúde pública e o Día Mundial da Saúde Mental representa unha oportunidade para reclamar e impulsar un incremento a gran escala de investimentos en materia de saúde mental”. Núñez asegurou que “no momento actual engádense as repercusións asociadas en ocasións adicionais á Covid-19 e tanto os profesionais como as familias e a sociedade en xeral temos que poñer de manifesto a necesidade de impulsar e incrementar o investimento en saúde mental”.
Marián Ferreiro e Santiago Galego incidiron no apoio do goberno local á asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e animáronos a continuar traballando para que as persoas con problemas de saúde mental poidan ter día a día unha mellor calidade de vida e se integren plenamente na sociedade, ofrecendo a colaboración posible da administración local para acadar este obxectivo.