A poboación da área sanitaria de Ferrol pódese vacinar a partir de mañá en máis dunha trintena de puntos de vacinación

Cada centro de saúde estará preparado para vacinar individualmente ou en salas, segundo o caso e características de cada centro, para evitar a aglomeración de persoas
Ángel Facio vacunación gripe 2020

A campaña de vacinación antigripal comeza para a poboación da Área Sanitaria de Ferrol a partir de mañá, martes 13 de outubro, e ata o 31 de decembro. A vacina para evitar a gripe e as complicacións derivadas da mesma estará dispoñible para a poboación en máis dunha trintena de puntos de vacinación tanto nos centros de saúde como no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Cada centro de saúde estará preparado para vacinar individualmente ou en salas, segundo o caso e características de cada centro, e para evitar a aglomeracións; a persoa será informada en cada caso no momento da súa citación.

O lema da campaña da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade deste ano é Contra a gripe temos vacina, que recorda que hai unha vacina que evita contaxios e salva vidas. E inciden en que este ano é máis importante que nunca protexerse fronte á gripe. Na pasada campaña 2019, a porcentaxe de poboación diana que se vacinaba na Área Sanitaria de Ferrol era do 59,20%.

Por outra banda, esta semana pasada xa se producía a vacinación dos e das traballadoras da Área cos que se iniciaba uns días antes, e que aínda están a tempo de se vacinar se non foi posible nesa primeira semana. Agradecer o esforzo dos e das profesionais que fan posible a vacinación durante a campaña.

Poboación diana

A cita para a vacinación poderase obter a través da cita web habitual preferiblemente, ou tamén a través de chamada telefónica ó centro de saúde. A poboación diana da campaña á que se lle oferta gratuitamente a vacina son as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os de 65 ou máis anos ou as que convivan en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención e crónicos). Igualmente son poboación diana da campaña as persoas de menos de 60 anos que teñen un risco de complicacións derivadas da gripe, presentado esta campaña como novidade as mulleres durante o puerperio (ata 6 meses tras o parto), sempre que non se vacinaran no embarazo.

Xunto con isto está dirixida tamén ás persoas que lles poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións. Trátase de persoal de centros sanitarios de primaria e hospitalaria, públicos e privados, de oficinas de farmacia, de institucións xeriátricas e de atención a enfermos crónicos, estudantes en prácticas en centros sanitarios, asistentes domiciliarios de pacientes de alto risco ou persoas maiores, así como convivintes de persoas de grupos de risco.

Outras persoas nas que se recomenda a vacinación son as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade e os traballadores expostos directamente a aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas e tamén ás aves silvestres.

Dende a Consellería de Sanidade remarcan que, por primeira vez, Galicia empregará nesta campaña unha vacina tetravalente de alta carga para as persoas máis vulnerables, aquelas de 65 ou máis anos ingresadas en residencias. Sinalar, así mesmo, que entre a loxística da campaña está o feito de que a partir da terceira semana da campaña realizarase unha chamada por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria á poboación de 65 a 74 anos.

Ademais, enviaranse sms masivos de recordo de vacinación á poboación entre 65 e 74 anos, estableceranse axendas de citación especial para vacinación e vacinaranse aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio. Por último, o Sergas lembra a importancia, este ano máis que nunca, de concertar cita para a vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen ser citado.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.