O Concello de Ferrol autorizará a explotación dos postos vacantes dos mercados da Magdalena e Recimil

Poderase acceder a un posto en Recimil dende 25 euros ao mes e 60 euros na Magdalena, cumprindo os requisitos esixidos para a actividade correspondente
Ds36QEBXcAIT2Wk

O Concello de Ferrol vai abrir a posibilidade de que os postos libres nos mercados da Magdalena e Recimil poidan ser explotados mediante autorizacións temporais. O período será de dous anos, coa posibilidade de prórroga ata un máximo de catro, tal e como foron informados o resto de grupos municipais. O edil responsable do proxecto, Germán Costoya, explicou que esta medida, que forma parte do plan de activación económica que está levando a cabo o goberno local, «persegue a revitalización da actividade comercial».

Pese a que no 2017 se levou a cabo un procedemento para a concesión de postos nestes dous mercados, segue existindo un elevado número de espazos que aínda están baleiros, ao quedar desertos na licitación. Estes mesmos postos son os que agora serán obxecto de autorización. A partir do 1 de novembro, os interesados poderán presentar a súa solicitude para optar a explotar calquera destes espazos.

Os requisitos son os seguintes: acreditar estar dado de alta no epígrafe correspondente e ao corrente no pago do IAE (no caso dos exentos, estar dado de alta no censo de obrigados tributarios), acreditar estar dado de alta no réxime da Seguridade Social que corresponda e estar ao corrente no pago das cotizacións, acreditar estar ao corrente das obrigas tributarias, estar en posesión do certificado de manipulador de alimentos no caso de que se vaian manexar no posto, manter vixente unha póliza de seguro de responsabilidade civil e, finalmente, presentar unha declaración responsable na que se manifeste que se teñen concedidas as autorizacións ou licenzas esixidas pola normativa para o exercicio da actividade e todas as esixencias legais.

Rapidez na tramitación

Dende novembro, as solicitudes presentadas avaliaranse todos os días 15 de cada mes. As autorizacións outorgaranse de forma directa se só existe unha solicitude para un posto. No caso de que se presenten máis de unha para o mesmo espazo, a adxudicación levarase a cabo mediante sorteo público.

O canon anual dos postos varía entre os 302,52 euros e os 2.151,72, no caso de Recimil, e entre os 723,24 e os 2.855,40 no da Magdalena. Isto implica que se poida optar a un posto por pouco máis de 30 euros ao mes en Recimil e de 60 no mercado da Magdalena.

A listaxe dos postos vacantes dispoñibles a partir do 1 de novembro publicarase no taboleiro de anuncios do Concello (incluída a versión on-line na web municipal) e tamén se poderá consultar nas oficinas de atención á cidadanía. Esta lista poderase incrementar con aqueles postos que queden baleiros no futuro. Neste momento, en Recimil están dispoñibles 11 postos, e na Magdalena, 9.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.