A Xunta abre un expediente para «depurar responsabilidades» sobre os verquidos do río Eume

O goberno galego xa deu instruccións a Endesa para que adopte as medidas necesarias para acabar "o antes posible coa situación de turbidez xerada"
image_gallery (16)

A Xunta de Galicia xa abriu expediente co obxectivo de esclarecer a orixe da turbidez da auga do río Eume e depurar as responsabilidades que correspondan. Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen, xunto co alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, e coa xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Cristina Carrión, supervisaron os traballos que se están a realizar na zona de captación de abastecemento de auga do río co obxectivo de recuperar, o antes posible, os parámetros que permitan restablecer o consumo de auga por parte da poboación.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade cualificou a situación de “inaceptable” e avanzou que se está a estudar se houbo vulneración das normas de explotación e xestión da presa para, no seu caso, adoptar as medidas oportunas. Lembrou que a Xunta, a través de Augas de Galicia, lle deu instrucións concretas á empresa explotadora do encoro, Endesa, para que «adoptase as medidas necesarias para acabar o antes posible coa situación de turbidez xerada, xa que se está a falar da calidade das augas do río e da calidade da auga que consumen os cidadáns”.

Na mañá do domingo colocáronse no río Eume as barreiras de contención que Augas de Galicia estaba a empregar nas obras de mellora do saneamento que está a executar en Pontedeume, co obxectivo de manter esa zona o máis limpa posible e posibilitar que a entrada de augas na estación potabilizadora se producise nas mellores condicións para facilitar o seu tratamento.

Ethel Vázquez resaltou que se está a ver unha progresiva recuperación dos parámetros e que agora os traballos se están a centrar en conseguir que se consoliden para que os veciños de Pontedeume poidan volver consumir a auga. Neste sentido, reiterou «a total disposición da Xunta a seguir traballando da man do Concello e da concesionaria do servizo municipal da auga ata conseguir que se solucione a situación e se repoña o servizo de abastecemento de auga á poboación».

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.