O Concello de Cabanas, a través da área de medio ambiente, dirixiuse esta semana a Augas de Galicia para solicitar que lle sexan comunicados os resultados de todas análises de auga realizadas no Río Eume durante toda a crise medioambiental, e tamén que se leven a cabo probas para analizar a presenza de metais e sólidos tanto nas augas do río coma nos lodos aflorados no encoro, aparentemente responsábeis da turbidez do río en todo o seu treito final.
Desde o goberno local cabanés exixen “transparencia e claridade total” á Xunta na xestión da crise medioambiental, e que o expediente anunciado pola conselleira de medio ambiente Ethel Vázquez na súa visita á zona no día de onte sexa “unha investigación rigorosa que permita aclarar as orixes dos verquidos e a responsabilidade de Endesa nun novo caso de contaminación do Río Eume”.
“A prohibición do consumo de auga en Pontedeume é só a punta do iceberg dun problema ambiental moito máis grave e de maior calado”, apuntou Iago Varela, tenente alcalde de Cabanas e responsábel da área de medio ambiente, quen tamén advertiu de que “o pouso dos sedimentos dos verquidos podería acabar co banco marisqueiro da marisma de Cabanas – Pontedeume”.
O goberno de Cabans tamén reclamou a paralización do desaugamento da presa ata que haxa unha investigación e unha solución: «non pode ser que a empresa se refuxie na necesidade dun caudal ecolóxico para non paralizar un desaugamento que semella claro que está a ter consecuencias ambientais graves».
Cabanas non se abastece do Eume
O Concello de Cabanas tamén quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza, xa que o municipio estase abastecendo exclusivamente de augas do río Ventín na represa de Fonfría. Só en períodos de seca ou estivais Cabanas recibe augas do Eume a través dunha canalización desde Pontedeume que permite dar servizo a parte da zona urbana.