O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu hoxe á Xunta que “faga públicos” os datos das analíticas do río Eume, logo de atopar un nivel turbidez nunca visto nestas augas. De feito, urxiu que se tomen “todas as medidas” para arranxar este episodio.
“Esta problemática ten que ser solucionada de xeito áxil”, remarcou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé en que a situación é consecuencia da “falla de medidas da Xunta” no que atinxe á limpeza dos cauces e da falla de control sobre a concesionaria do encoro.
Por iso, nunha visita á zona afectada en compañía do alcalde, Bernardo Fernández, o líder do PSdeG chamou a todas as administracións a actuar no que está ocurrindo nun espazo natural que é “emblemático” e na medida en que está afectando á calidade da auga dos veciños de Pontedeume e ao sector marisqueiro.
Reunión coa confraría
Nese senso, urxiu á Xunta a que acometa inversións na depuradora de Pontedeume e a que se tomen todas as medidas para garantir o estado da auga. Así o dixo antes de manter unha xuntanza con representantes da confraría, que lle transmitiron a súa preocupación polos riscos de afectación da turbidez da auga aos bancos marisqueiros da zona.
Pola súa banda, o rexedor de Pontedeume incidiu na importancia da adaptación da depuradora para superar episodios deste tipo, ao tempo que recordou que o das Fragas do Eume é “un dos parques naturais máis importantes de Galicia”.
Así mesmo, Bernardo Fernández sinalou que 70 familias da súa vila viven do sector marisqueo, polo que puxo de manifesto a importancia de coñecer o resultado das analíticas do río. Máxime, subliñou, cando “estamos ás portas da campaña de Nadal”.
Compromiso medioambiental
Despois de que Gonzalo Caballero reafirmase o “compromiso medioambiental” do PSdeG e reclamase a limpeza do río e do encoro, o voceiro socialista neste eido no Parlamento de Galicia, Pablo Arangüena, criticou “o desleixo, a neglixencia e a pasividade” da Xunta no coidado do parque natural das Fragas do Eume.
“A Xunta pinta espazos protexidos nun papel, pero logo nin os protexe, nin os coida, nin sanciona cando corresponde”, evidenciou, ao recordar que esta zona leva 23 anos sen plan de xestión.
Na visita á zona tamén participaron a parlamentaria autonómica Begoña Rodríguez Rumbo, os deputados no Congreso Montse García e Diego Taibo e o senador Antonio Vázquez, así como concelleiros socialistas de Pontedeume.