O Concello de Narón organiza a través do Servizo de Normalización Lingüística, dependente da área de Ensino e Bibliotecas, un curso de “Estratexias de comunicación nas redes sociais” dirixido ás persoas que xestionen ou traballen en establecementos comerciais de Narón. A edil responsable de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, indicou que o obxectivo desta convocatoria é “facilitarlles técnicas e ferramentas útiles para poder elaborar un plan de comunicación axeitado para os seus negocios”.
A convocatoria desenvolverase en liña, cunha duración total de 30 horas, entre os días 30 deste mes e 27 de novembro, cun máximo de 50 prazas tal e como avanzou a concelleira naronesa. Así mesmo, explicou que as persoas ás que se dirixe este curso poden inscribirse a través do correo electrónico: [email protected] ata o día 25 deste mes, facilitando o nome do comercio, o nome e apelidos da persoa que se inscribe, o DNI, un número de teléfono de contacto e un enderezo de correo electrónico.
En canto aos contidos que se abordarán na convocatoria a edil explicou que se centrarán en aprender estratexias de comunicación para as redes sociais máis empregadas, como Facebook, Instagram ou o Whatssapp, aplicables tanto a mensaxes como a imaxes ou publicacións. “Queremos animar ao pequeno comercio de Narón ao mesmo tempo a empregar o galego nas súas redes sociais, amosando as vantaxes desta lingua para a venda de produtos e presentándolle as tarefas de asesoramento e formación que presta o Servizo de Normalización Lingüística do Concello aos comercios da cidade”, apuntou Taibo.
A concelleira recordou que tanto a comunicación como o márketing dixital son na actualidade “pezas clave na venda de produtos, converténdose as redes sociais nunha importante canle de presentación para o pequeno comercio e para difundir fotografías e outros elementos que determinarán a imaxe dun negocio e podendo influír positivamente no volume de vendas”.
As persoas que desexen recibir máis información sobre esta convocatoria poden escribir ao correo electrónico: [email protected], chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1516) ou dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística de Narón, na quinta planta do Concello.