A Xunta levará a cabo as obras de restauración para resolver os problemas de humidades que afectan a igrexa da Nosa Señora das Angustias, no barrio ferrolán de Esteiro. O goberno autonómico sacou a licitación unha intervención que compromete máis de 132.000 euros para resolver as patoloxías deste monumento. Cando se adxudique a obra o prazo de execución é de 12 meses. Gonzalo Trenor, delegado territorial da Xunta, destacou que “este edificio é sede da Confraría das Angustias e un importante espazo eclesiástico na celebración da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional”.
Na actualidade, existen problemas de humidade en diversas zonas do inmoble derivadas da entrada de auga a través de distintos puntos dos paramentos exteriores e interiores. Para a súa solución está previsto a construción dunha cámara bufa, a impermeabilización de puntos críticos, a renovación dos revocos con morteiro de cal, a substitución puntual da cuberta de tella, así como diversos tratamentos de limpeza, consolidación e pintado do monumento.
Para poder desenvolver os traballos necesarios, a Xunta de Galicia e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol asinaron un convenio de colaboración para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións no monumento.