O goberno local de Ferrol incrementará a vixilancia policial en Recimil ante o aumento de incidentes con okupas

O alcalde ferrolán dixo que están a traballar co resto de grupo políticos para xestionar o parque de vivendas e evitar problemas de convivencia
Recimil (5)3
PUBLICIDAD

A Xunta Local de Seguridade de Ferrol tratou hoxe nunha reunión celebrada no pazo municipal a situación na que se atopa o barrio de Recimil. Na sesión estiveron presentes o alcalde, Ángel Mato; a subdelegada do Goberno, Pilar López- Rioboo; a vicesecretaria da Delegación do Goberno, Eva Vázquez; o xefe superior de Policía en Galicia, José Luis Balseiro; o inspector xefe da Policía Autonómica, Antonio Nieto; o comisario accidental da Comisaría de Ferrol-Narón, Salvador Campo, e os concelleiros de Seguridade, Germán Costoya, e de Benestar Social, Eva Martínez Montero.

Trala xuntanza, o alcalde agradeceulle á subdelegada “a celeridade” coa que atendeu a convocatoria e que se puxese a disposición do Concello para, “entre todos, poder mellorar as condicións do barrio” e abordar os problemas que xorden. Para Mato, trátase dun camiño que vai requirir certo tempo e que debe liderar o Concello. Dixo que o xeito de abordalo será establecendo un plan que ten tres vertentes. Por unha banda, avanzar na rexeneración urbana, algo que xa está facendo a Administración local. Por outra, traballar en distintas posibilidades para xestionar as vivendas, algo que se debe “analizar con todos os grupos políticos”. Finalmente, “reforzar o control e a vixilancia” para evitar os problemas de convivencia e as ocupacións.

Este último aspecto, o do aumento da presenza policial no barrio, centrou parte da reunión. “O escenario a curto prazo pasa por reforzala”, asegurou o rexedor ferrolán, que lembrou que a Policía Local está en proceso de incrementar o seu número de efectivos. López-Rioboo mostrouse de acordo e avanzou que existe o “compromiso” de que o Corpo Nacional de Policía eleve a súa presenza en Recimil.

Para a subdelegada do Goberno, existe unha coincidencia no “diagnóstico”, pero recoñece que o traballo que se está facendo non terá reflexo de inmediato, xa que os problemas que se están enfrontando “son moitos”. “É imprescindible que traballemos coordinadamente para que o barrio sexa digno”, dixo. O obxectivo, abundou o alcalde, é que se vexan resultados cando menos “a medio prazo”.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.