A Deputación defende en Fene novas accións para paliar as desigualdades provocadas pola covid

Desde o goberno tamén lle trasladaron á Deputada a necesidade de financiamento para dous proxectos de seguridade viaria na estrada da Armada e na subida do instituto de Barallobre
Reunion_Fene_Grupo_Goberno
PUBLICIDAD

A deputada de Igualdade e Normalización, María Muíño, visitou o concello de Fene no que se reuniu co seu alcalde Juventino Trigo e membros do goberno municipal para estudar o estado do concello e a posibilidade para aplicar novas accións políticas encamiñadas a paliar as desigualdades incrementadas desde aparición da pandemia. Na súa visita, María Muíño interesouse por outros proxectos financiados pola Deputación da Coruña no concello de Fene e atendeu as demandas do goberno municipal, en especial, os proxectos de seguridade viaria que, para o alcalde, son urxentes.

Na súa visita ao Concello de Fene, a deputada María Muíño, reuniuse con alcalde, Juventino Trigo e distintos membros do goberno municipal, ademais de manter unha xuntanza con representantes da ANPA do CEIP O Ramo que está a desenvolver un programa de conciliación co apoio da Deputación da Coruña.

A deputada de Igualdade e Normalización interesouse polas consecuencias que a pandemia está a producir do concello de Fene, tanto no ámbito sanitario como económico e social, e polas necesidades e propostas que o goberno municipal propón coa nova situación provocada pola COVID-19. «Desde a Deputación da Coruña queremos traballar aínda máis intensamente en colaboración e coordinación cos concellos para investir os recursos en programas que realmente contribúan a mellorar a situación dos nosos concellos e a súa veciñanza. Máis que nunca, é tempo de sumar forzas e camiñar conxuntamente para responder ás urxencias que a pandemia está a producir», sinalou a deputada, María Muíño.

De maneira especial, María Muíño referiuse a que a Covid «afondou aínda máis nas desigualdades sociais e de xénero co cal é preciso desenvolver unha acción de goberno máis activa co fin de contribuír á unha sociedade máis xusta e igualitaria».

Urxencias de seguridade viaira

O alcalde, Juventino Trigo, destacou a necesidade de programas de conciliación, de maneira máis intensa despois da aparición da covid, para aproveitou a xuntanza para solicitar o apoio da Deputación para a construción de beirarrúas e sendas peonís que son urxentes para garantir a seguridade viaria e imprescindíbeis para vertebrar o concello. En concreto, trátase de dúas actuacións, unha na DP-3501 que une Maniños con Limodre e outra a estrada que vai desde o instituto até o cemiterio de Barallobre.

Na xuntanza, a deputada interesouse por estas necesidades e tamén pola situación de varias obras que se están executando nestes no concello co apoio da Deputación ademais dos proxectos que nos que o goberno municipal está a traballar e que serán financiados a través do Plan Único de Concellos.

Xuntanza coa ANPA do CEIP O Ramo

A seguir, María Muíño, reuniuse coa ANPA do CEIP O Ramo e destacou o interese da Deputación de colaborar tamén coas entidades que traballan pola igualdade, en programas contra a violencia machista ou pola conciliación que se fixo máis necesaria aínda durante o confinamento e coas actuais medidas sanitarias. O alcance destes proxectos e o recoñecemento do labor que desenvolven as distintas asociacións foi obxecto da xuntanza coa ANPA do CEIP O Ramo que realiza un programa de conciliación co apoio da Deputación da Coruña a través da liña de axudas en concorrencia competitiva.

Con este encontro, a deputada María Muíño inicia unha ronda de visitas para coñecer de primeira man os proxectos que a área de Igualdade e Normalización Lingüística apoia nos distintos concellos ademais de recoller as suxestións para mellorar e facer máis efectivas as axudas que cada ano convoca a área que dirixe.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.