A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, indicou que o goberno local respalda a reivindicación feita pública dende a Anpa Galatea, do CEIP Plurilingüe Virxe do Mar, instando á Consellería de Educación á sustitución de xeito inmediato dunha persoa encargada de traballos de limpeza no centro que cursou unha baixa o pasado 26 de outubro.
O goberno de Narón recordou que “a Consellería de Educación ten as competencias de limpeza deste centro educativo, que xa o pasado mes de setembro tivo problemas por falta de persoal no servizo, unha situación moi grave tendo en conta a actual situación sanitaria derivada da Covid-19, que esixe unha exhaustiva labor de limpeza e desinfección tal e como se contempla nos protocolos establecidos”.
A edil naronesa lamentou o feito de que a Consellería de Educación desatendese ata o momento a petición realizada formalmente dende o centro para ocupar esta vacante. “Unha vez máis a administración autonómica elude as súas responsabilidades, nesta ocasión co agravante de que estamos falando dun tema de seguridade, prioritario nestes tempos”, recalcou Taibo.
A responsable de Ensino recordou que o propio conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou a principios do pasado mes de outubro que a administración autonómica estaba traballando para implementar melloras en determinados servizos nos centros educativos, entre eles o de limpeza.
“Xa é lamentable que iniciado o curso en setembro a Xunta anuncie en outubro, case un mes máis tarde, un incremento en investimentos e persoal para os servizos de limpeza e comedor e resulta inadmisible que desatenda as súas competencias e deixe centros como o Virxe do Mar cunha soa persoa a cargo dun servizo prioritario”, recalcou Taibo.