A posta en marcha do novo sistema de videovixilancia do tráfico que posibilitará á Policía Local mellorar o control da circulación en Ferrol aprázase como consecuencia das medidas excepcionais vixentes no municipio desde que o pasado venres a Xunta decretara o peche perimetral dos municipios de Ferrol, Narón, Fene e Neda ante a evolución da pandemia.
A súa entrada en funcionamento estaba prevista para o día de hoxe, pero o goberno local estima que a prioridade agora mesmo é garantir o cumprimento responsable das medidas de seguridade e protección acordadas polas autoridades sanitarias, polo que os recursos da Policía Local se están a destinar ás tarefas de vixilancia co fin de protexer a saúde dos veciños, a prioridade absoluta do goberno local.
O novo dispositivo de videovixilancia instalado nos vehículos da Policía Local está integrado por catro cámaras especiais, que se conectan a días tablets con rede de datos e días impresoras que se montan nos coches patrulla segundo as necesidades de cada servizo.
Estes equipos facilitaranlles aos axentes o control da circulación e do cumprimento das normas, xa que son capaces de ler as matrículas sen lugar a erro aínda en movemento.