Unha das reivindicacións máis históricas do deportivismo está a punto de converterse en realidade en 2026. O histórico club Real Club Deportivo de La Coruña mudará a súa denominación oficial para adaptarse ao topónimo galego, pasando a chamarse Real Club Deportivo da Coruña, nun movemento simbólico que coincide co 120 aniversario da entidade.
A nova foi avanzada polo escritor e xornalista Javi Guillén e o programa ‘A Penaltis’ da Radio Galega, aínda que polo momento o club non confirmou oficialmente a decisión. Segundo estas informacións, o anuncio producirase no mes de maio «nunha data moi sinalada», polo que todo apunta a que coincidirá coa celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
🔴⚽ EXCLUSIVA no 'A Penaltis': O Deportivo galeguizará en maio o seu nome oficial pic.twitter.com/sMbmpS5GLb
— Radio Galega (@RadioGalega) April 14, 2026
Unha campaña nacida nas aulas e na rúa
A iniciativa parte da campaña #ODeporéDaCoruña, impulsada pola mocidade do IES Rafael Dieste dentro do proxecto #Aquítaménsefala, que leva un ano mobilizando apoio social e cultural. A acción foi acompañada de concertos, actividades nas rúas e a distribución de miles de adhesivos, acadando unha notable repercusión na cidade.
«A restitución é unha vitoria popular que foi empurrada pola mocidade estudantil galega e o Deportivo, á altura da súa historia, recolle todo este sentir esmagadoramente maioritario: nunca tivemos a máis mínima dúbida que se conseguiría, que o club ía responder», celebra Alberto Pombo, impulsor da iniciativa ‘Aquí tamén se fala’.
Neste proceso, entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística destacaron o papel da campaña e felicitaron tanto á mocidade como ao club polo paso dado cara á galeguización do nome. O proceso deberá pasar por unha xunta de accionistas, aínda que se espera que non existan obstáculos significativos debido ao control maioritario de Abanca sobre a entidade.
Unha modificación histórica tras máis de 80 anos
O cambio será o primeiro no nome do club en máis de 85 anos. A última modificación relevante produciuse en 1941, cando se recuperou a denominación de Real Club Deportivo de la Coruña tras a etapa da Segunda República. Agora, o club prepárase para unha nova etapa na que o nome oficial pasará a reflectir o uso do topónimo galego, nun momento clave da súa historia.
