A décimo terceira edición do Carballo Interplay deixou claro, un ano máis, que no mundo dixital e audiovisual, Galicia destaca polo seu talento emerxente e a diversidade de formatos. Durante a xornada, déronse a coñecer tanto os premios da competición internacional de series curtas como os galardóns centrados na creación de contido en galego, reafirmando o festival como un espazo clave para as novas narrativas na rede.
O audiovisual segue gañando terreo
Na sección internacional, o xurado apostou por propostas que abordan cuestións actuais desde enfoques innovadores. O premio á mellor serie foi para T-REX (Canadá, 2024), unha obra que afonda nas tensións arredor da masculinidade a través do reencontro de tres amigos. Pola súa banda, o galardón á mellor dirección recaeu en Ruby (Francia, 2025), unha serie de ton ‘queer’ que mestura o universo das superheroínas cunha crise persoal e o impacto da viralidade.
O público tamén tivo protagonismo no palmarés, recoñecendo a segunda tempada de The Struggle for Existence (Dinamarca, 2025), que regresou ao festival cunha comedia que trata con humor as inseguridades da masculinidade contemporánea. Ao mesmo tempo, o xurado novo premiou Eyes In The Woods (Canadá, 2025), unha proposta que combina misterio paranormal e narrativa queer nun bosque cheo de simbolismo.
A creación en galego, máis forte ca nunca
Máis alá da competición internacional, o festival volveu poñer o foco na creación dixital en lingua galega. Entre os recoñecementos, o premio a mellor canle foi para Miradenovo, mentres que o de mellor creador foi para @Antontisimo, destacado polo seu carisma e pola súa capacidade para conectar coa audiencia. O principal impulso económico foi para Crossbooking Castelao, que acadou o galardón á produción de contido dixital en galego.
O acto de clausura, coa presenza de representantes institucionais locais, serviu tamén para reivindicar o papel do galego no ámbito dixital e a crecente profesionalización das persoas creadoras. Desde a organización subliñaron o alto nivel das propostas presentadas, reflexo dunha escena audiovisual en expansión que atopa na internet un espazo idóneo para innovar e experimentar.


