A V Gala da Cultura consolídase na súa quinta edición como escaparate do talento galego

O Teatro Colón da Coruña acolleu a quinta edición duns premios que reforzan o talento cultural galego
Os premiados da V Gala da Cultura tras recoller o galardón | Deputación da Coruña
Os premiados da V Gala da Cultura tras recoller o galardón | Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña celebrou este xoves a quinta edición da súa Gala da Cultura, consolidada xa como un dos principais escaparates do talento creativo galego e punto de encontro do sector cultural. O Teatro Colón volveu acoller unha cita que reuniu a artistas, escritoras e escritores, músicos, creadoras audiovisuais e profesionais do deseño nunha noite marcada polo recoñecemento ao traballo desenvolvido ao longo do último ano.

Na gala entregáronse un total de 19 galardóns correspondentes ás distintas convocatorias do departamento provincial de Cultura, nunha edición que incorporou novas categorías vinculadas ao audiovisual e ao deseño. A proposta artística xirou arredor do concepto da sorte como elemento da identidade galega, con referencias aos populares sanandresiños de Santo André de Teixido.

PUBLICIDAD

A velada estivo presentada pola xornalista Susana Pedreira e o actor e músico Xoán Fórneas, baixo a dirección artística de Thais Suárez, e contou coa actuación musical de Caamaño&Ameixeiras. A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que a cita “volveu converter o Teatro Colón nun punto de encontro para recoñecer e poñer en valor o inmenso talento creativo que hai no noso país”.

Os premiados, do mellor da cultura galega

Entre as persoas premiadas, José Montaña Louzao foi galardoado co Premio Torrente Ballester en lingua galega por Non hai paz no paraíso, unha novela centrada na historia social galega do século XX, mentres que o escritor Pablo Escudero Abenza recibiu o Premio Torrente Ballester de narrativa en castelán por Biblioteca familiar, unha obra que combina memoria, ensaio e ficción.

A literatura infantil e xuvenil tamén estivo representada por Antía Yáñez Rodríguez, premiada por Bragakadabra, co Premio Raíña Lupa. No ámbito do ensaio, Xosé Manoel Núñez Seixas foi recoñecido pola obra Galicia e a División Azul co Premio Manuel Murguía.

En canto á banda deseñada, o Premio Castelao foi outorgado a Giovanna Lopalco por Narices! na categoría infantil e xuvenil, mentres que Elías Taño e Manuel Barreiro foron distinguidos por Maré, unha proposta comprometida coa realidade das persoas migrantes.

Na creación fotográfica, Juan la Quintana Sánchez-Mateos obtivo o Premio Luis Ksado pola serie I gotta change, centrada na vulnerabilidade humana. A creación artística contemporánea contou co recoñecemento a Ana Isabel Gesto Beiroa co Premio Isaac Díaz Pardo pola súa obra Intervalo 2024.

No eido musical, Belem Tajes foi galardoada co Premio Fran Pérez “Narf”, que valorou tanto a sensibilidade das súas letras coma a unión do galego con Latinoamerica. Pola súa banda, o talento infantil e xuvenil quedou reflectido no concurso Quero Cantar, que recoñeceu como gañadores a Gael Ares, na categoría infantil, e a Emma Pérez e Candela Caamaño, na xuvenil.

A acción social foi recoñecida co Premio Begoña Caamaño, que recaeu en Illa Bufarda S. Coop. -pola súa traxectoria- e en Mala Herba Producións, pola súa iniciativa a favor da igualdade de xénero.

O deseño e o audiovisual, de estrea

O deseño tamén tivo protagonismo -por primeira vez nesta gala- co Premio Luis Seoane para o dúo D-DUE, formado por Rosario Froján e Alfredo José Olmedo. Outro galardón a estrear este xoves foi o José Gil aos filmes en lingua galega, outorgados a Ángela María Andrada Gómez e Borja Casal Fraga -polos seus traballos de guión- e a Margarita Ledo, distinguida pola súa traxectoria.

A quinta edición da Gala da Cultura reafirmouse así como unha das grandes citas do calendario cultural galego, poñendo en valor a diversidade e a riqueza da creación contemporánea.

PUBLICIDAD
PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.