A Deputación de Lugo vén de presentar no Pazo de San Marcos a nova estratexia provincial de intelixencia artificial, bautizada como MencIA, unha iniciativa coa que a institución provincial pretende afrontar a transformación tecnolóxica desde unha perspectiva «pública, soberana e centrada nas necesidades dos pequenos concellos da provincia».
No acto, encabezado pola presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, estiveron tamén presentes o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, ademais dos responsables dos servizos de Comunicación e TIC’s e de Innovación e Participación Cidadá, Nicolás Fariña Verea e José Antonio Arias Lombardero. O Salón de Actos da sede provincial reuniu a traballadores e traballadoras da institución, alcaldes e alcaldesas de distintos municipios e representantes políticos.
“A intelixencia artificial vai transformar as institucións”
Durante a presentación, Carmela López subliñou que a chegada da intelixencia artificial xa está a modificar o funcionamento das administracións públicas e defendeu que a Deputación non podía quedar á marxe dese proceso. “Este cambio xa está aquí. A intelixencia artificial vai transformar a maneira de traballar das institucións, e nós tiñamos claro que a Deputación de Lugo non podía quedar esperando a ver que facían os demais”, afirmou.
A presidenta explicou que MencIA nace cunha clara vocación de servizo público e de apoio ao territorio, especialmente aos municipios máis pequenos. “MencIA é unha idea de innovación tecnolóxica, que ten que servir para reforzar os nosos servizos públicos: ten que acompañar ós concellos, sobre todo os máis pequenos”, relatou.
López lembrou que a provincia conta con 67 concellos, dos que 66 teñen menos de 20.000 habitantes, polo que considera que “falar aquí de intelixencia artificial é falar tamén de cohesión territorial e de igualdade de oportunidades”.
A responsable provincial insistiu ademais en que a estratexia apostará por un modelo propio e transparente. “Imos construír un modelo propio, unha estratexia baseada en código aberto que pensa nos veciños e que, por suposto, sempre vai ter supervisión humana”, detallou a presidenta, quen tamén reivindicou o uso do galego dentro da transformación tecnolóxica. «A nosa lingua ten que estar tamén nos espazos onde se vai construír o futuro”, concluiu.
Unha “terceira vía” fronte ás grandes tecnolóxicas
Pola súa banda, Pablo Rivera defendeu que a Deputación escolleu unha vía alternativa fronte ás grandes plataformas privadas. “Cando se incorpora a intelixencia artificial hai dous camiños: un neofeudalismo dixital que depende das grandes corporacións tecnolóxicas, xeralmente americanas, ás que as administracións públicas lles pagan millóns de euros ao ano en licenzas e que ademais xestionan os datos; ou probas piloto que non transforman absolutamente nada”, explicou.
Fronte a esta disxuntiva, Rivera asegurou que MencIA representa “unha terceira vía”. “Aquí apostamos por unha solución soberana, realista, libre e pública, con datos abertos e deseñada especificamente para o sector público e para unha administración intermedia como é a Deputación de Lugo”, apuntou.
Segundo explicaron os responsables técnicos do proxecto, MencIA estrutúrase arredor de catro grandes eixos: a gobernanza e cumprimento normativo, para garantir control, supervisión e seguridade; transformación dixital interna da Deputación, a través do Laboratorio MencIA; asistencia aos concellos, especialmente aos municipios con menos recursos técnicos, e o impulso dun ecosistema territorial de innovación, coa colaboración de universidades, empresas galegas e institucións públicas.
Aplicacións para automatizar tarefas administrativas
Entre as principais novidades anunciadas figura a creación de ferramentas orientadas a reducir tempos de xestión e automatizar tarefas administrativas.
A Deputación prevé desenvolver aplicacións capaces de resumir documentos, extraer textos, transcribir audios, facer seguimento de edictos do BOE, xestionar correos electrónicos de forma intelixente, analizar convocatorias de subvencións e mesmo calcular prazos vinculados á Lei de Contratos do Sector Público.
Tamén se crearán asistentes virtuais especializados e chatbots, adestrados con información pechada e sen acceso libre a internet para garantir a seguridade e a fiabilidade das respostas.
Entre eles haberá ferramentas de apoio docente, asistentes para contratación pública local, plataformas de formación e sistemas para elaborar memorias xustificativas.
Implantación progresiva ata 2030
A folla de ruta será elevada ao pleno provincial do próximo 26 de maio para a súa aprobación definitiva como estratexia de intelixencia artificial da Deputación de Lugo para o período 2026-2030.
A implantación desenvolverase de maneira progresiva ao longo dos vindeiros catro anos. Nunha primeira fase poranse en marcha oito aplicacións e nove asistentes virtuais.
Entre finais de 2026 e comezos de 2027 constituirase o Comité de Gobernanza e iniciaranse os primeiros proxectos piloto.
O obxectivo final da Deputación pasa por consolidar antes de 2030 un ecosistema tecnolóxico propio, baseado en software libre, control institucional dos datos e supervisión humana, co propósito de converter a intelixencia artificial nunha ferramenta útil para mellorar os servizos públicos e reforzar a cohesión territorial da provincia lucense.


