O Real Club Deportivo oficializou este martes o cambio da súa denominación social e pasará a chamarse Real Club Deportivo da Coruña en galego e Real Club Deportivo de A Coruña en castelán, tras a aprobación da Xunta Xeral Extraordinaria de Accionistas. A decisión foi adoptada por unanimidade e supón a modificación do artigo 1 dos Estatutos Sociais do club.
A medida chega despois dunha consulta vinculante realizada entre o 17 e o 21 de xuño ás persoas abonadas maiores de 12 anos. Nela preguntábase se o club debía adaptar o seu nome á toponimia oficial da cidade, establecida pola Lei 2/1998. A participación situouse no 55,96 % do censo con dereito a voto, e o resultado foi claramente favorable ao cambio: o 79,41 % dos votos válidos apoiaron a modificación.
Un apoio case total da asemblea de accionistas
Co resultado da consulta xa coñecido, a proposta foi elevada á Xunta Xeral Extraordinaria celebrada en Riazor. Alí, os accionistas presentes —que representaban o 99,864 % do capital social— aprobaron a mudanza de forma unánime, completando así o proceso de adaptación da denominación oficial.
Segundo explicou o club, esta decisión permite axustar a identidade corporativa “á realidade sociocultural e lingüística” da súa sede e actividade principal, e supón a culminación dun proceso participativo desenvolvido co respaldo da afección.
Unha reivindicación con anos de historia
O cambio de nome non é unha cuestión recente. Trátase dunha demanda histórica dunha parte da masa social que nos últimos anos colleu forza a través de iniciativas como a plataforma Aquí Tamén se Fala, impulsada polo alumnado do IES Rafael Dieste e apoiada por colectivos, institucións e figuras ligadas ao club.
A cuestión tamén fora debatida en espazos internos do Deportivo, como o Foro Social organizado pola entidade, e xa aparecera en consultas previas non vinculantes realizadas aos socios con motivo do 120 aniversario.
Co peche do proceso, o Deportivo adapta oficialmente a súa denominación á forma correcta do topónimo da cidade e pon fin ao uso do histórico “La Coruña” no seu nome social. Un cambio que, máis alá do formal, consolida unha reivindicación social e lingüística que acompañou ao club durante anos.
