Carmen García Mateo xa é a primeira reitora da historia da Universidade de Vigo

A catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións tomou posesión este xoves reivindicado "o papel transformador" dunha universidade pública "comprometida co progreso e a igualdade"
A nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, na súa toma de posesión xunto ó presidente da Xunta, Alfonso Rueda | XUNTA DE GALICIA
A nova reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, na súa toma de posesión xunto ó presidente da Xunta, Alfonso Rueda | XUNTA DE GALICIA

A catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións Carmen García Mateo tomou posesión este xoves como nova reitora da Universidade de Vigo, converténdose na primeira muller en ocupar este cargo dende a creación da institución académica. O acto, celebrado nun salón de actos ateigado de público, estivo marcado pola emoción e simbolizou un novo fito para o sistema universitario galego.

Coa chegada de García Mateo á Reitoría da UVigo, e tras o recente nomeamento de Rosa Crujeiras á fronte da Universidade de Santiago de Compostela, as mulleres pasan a ocupar por primeira vez a maioría dos máximos cargos das universidades galegas.

Durante a cerimonia, o reitor saínte, Manuel Reigosa, fíxolle entrega do bastón e da medalla de mando, escenificando a transferencia institucional despois de nove anos á fronte da universidade. O acto concluíu coa actuación musical de Su Garrido.

Unha universidade «comprometida co progreso e a igualdade»

No seu primeiro discurso como reitora, García Mateo reivindicou o papel transformador da universidade pública e destacou a evolución social que permitiu que dúas mulleres lideren actualmente institucións universitarias galegas. A nova responsable da UVigo lembrou tamén os seus comezos como estudante de Enxeñaría na Universidade Politécnica de Madrid, nun contexto no que as mulleres eran unha minoría moi reducida.

A reitora defendeu unha universidade comprometida coa sociedade, capaz non só de formar e xerar coñecemento, senón tamén de contribuír ao desenvolvemento económico, á defensa dos valores democráticos e á construción dunha sociedade máis xusta. Neste sentido, subliñou que a diversidade dos tres campus da Universidade de Vigo constitúe unha das súas principais fortalezas.

Investigación, financiamento e proxección internacional, entre os retos

García Mateo incidiu igualmente na necesidade de que as universidades se impliquen na defensa da paz, dos dereitos humanos e da solidariedade internacional. Ademais, situou a investigación, a innovación e a captación de talento entre os grandes retos do seu mandato, apostando por reforzar a proxección internacional da institución.

Durante a súa intervención, a nova reitora solicitou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha maior aposta polas universidades galegas a través dun financiamento suficiente que permita continuar mellorando a calidade do sistema universitario.

Pola súa banda, Rueda comprometeu o apoio do Goberno galego á Universidade de Vigo e mostrouse disposto a avanzar no diálogo sobre cuestións como o mapa de titulacións, co obxectivo común de fortalecer a universidade pública galega.

Antes de rematar o acto, Manuel Reigosa fixo balance dos seus anos á fronte da institución, expresando o seu orgullo polo traballo desenvolvido e desexando á súa sucesora os maiores éxitos nesta nova etapa.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.