Oroso destina 1,1 millóns euros a gasto social e a obras para mellorar os servizos básicos do casco urbano e as parroquias

O concello da un paso máis na súa estratexia de mobilidade sostible coa posta en marcha do primeiro tramo de carril-bici
Sigüeiro

O Concello de Oroso aprobou en pleno as obras e proxectos incluídos nas partidas do Plan Único 2021 e o POS adicional da Deputación da Coruña, con ampliacións de viais, actuacións de humanización, melloras de eficiencia enerxética, na rede de saneamento e gasto social.

As partidas suporán un investimento de case 1,1 millons de euros para mellorar a vida dos veciños e veciñas. O Plan Único inclúe por primeira vez este ano un fondo social, que permitirá no caso de Oroso destinar unha partida de 142.710,20 euros a axudas ás familias e colectivos en risco de exclusión, medidas de conciliación, adquisición de material de protección Covid-19 (EPI), material escolar ou tarefas de desinfección nos centros educativos.

Á marxe deste orzamento social, o concello destinará máis de 800.000 euros a diferentes obras, como a mellora da rede viaria nos lugares de A Igrexa e Bouzalonga; o asfaltado da pista que vai de Recouso á estrada provincial DP-3802 (Marzoa); a construción dunha ponte sobre o río Carboeiro en Berdomás (Gándara), e a ampliación das beirarrúas na marxe esquerda da Avenida de Compostela.

Oroso tamén humanizará e renovará o tramo este da rúa do Campo, en Sigüeiro; ampliará a calzada do vial que une os núcleos de Requeixo e Eirís (Cardama); acometerá un proxecto de saneamento e abastecemento de auga no núcleo de Os Carballos (Deixebre); e mellorará a eficiencia enerxética na urbanización Porto Avieira. Unha pequena parte das partidas destinarase a gastos correntes do concello.

“Todas as obras dan resposta ás demandas veciñais e ao noso obxectivo de renovar os servizos básicos e os infraestruturas do concello de forma continua, tanto no casco urbano como nas parroquias”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, que lembra que “os concellos estamos en primeira liña de atención aos veciños desde o comezo da pandemia, de aí a necesidade tamén de reforzar o gasto social”.

Carril-bici

Entre os proxectos, destacar tamén que o concello da un paso máis na súa estratexia de mobilidade sostible coa posta en marcha do primeiro tramo de carril-bici no municipio.

Este primeiro tramo de carril-bici partirá da glorieta da Foca e chegará ata o río Carboeiro, para prolongarse nunha segunda fase pola rúa Ulloa ata conectar coa antiga estación de Oroso e a nova Vía Verde, que unirá Santiago con Cerceda.

O concello cumpre ademais desta forma co Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACES). Oroso foi o primeiro municipio da comarca en ter listo o documento e o plan implica reducir nun 40% as emisións de efecto invernadeiro no 2030, aumentando o uso das enerxías renovables, impulsando os transportes limpos e baixando o consumo enerxético.

PUBLICIDAD
PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.