Conscientes da existencia de fogares que non contan con ordeadores ou conexión a Internet, o Concello de Neda vén de poner en marcha un servizo pensado para facilitarlles aos estudantes nesta situación a realización das tarefas e deberes escolares que os respectivos centros van poñendo.
Trátase de levarllos aos seus domicilios. Para iso, as familias interesadas deben chamar ao número 981 38 00 39 sinalando as direccións web remitidas polos centros educativos para descargar os arquivos. O Concello imprimiraos e levaraos aos domicilios. Así mesmo, e en caso de que o alumno teña que remitir os traballos e exercicios aos profesores, poderá volver a contactar co Concello e este encargarase de facerllos chegar.
Pola súa banda, o Concello de Ortigueira pon a disposición do alumnado un servizo ao que poden recurrir para ter este material de aprendizaxe. Os propios estudantes ou os seus pais terán que poñerse en contacto co Concello, de 09.00 a 14.00 horas, e facilitar un correo electrónico ao que enviar os arquivos en PDF, así como unha serie de datos de comprobación. Unha vez realizadas as impresións contactarase co solicitante para facer a entrega do material.
A concelleira de Educación, Belén Bello, estase poñendo en contacto cos centros educativos para informar desta opción e coñecer se hai situacións puntuais especialmente problemáticas. Nos casos nos que o alumnado non conte con conexión a internet, poderá enviar a documentación a través do seu centro. O número de impresións estará entre 10 e 100 copias por alumno, salvo casos debidamente xustificados. O Concello anima aos seus estudantes a continuar aprendendo durante o confinamento.
Discussion about this post