A Policía Local de Ferrol conseguiu o pasado xoves dar co autor dun accidente valéndose de restos dunha óptica que atopou no lugar. Na mañá dese día, un veciño que deixara o seu coche estacionado nunha rúa do Inferniño chamou ao 092 para denunciar que atopara o vehículo danado na zona traseira dereita.
Os axentes que acudiron ao lugar atoparon baixo o turismo restos dun faro, que recompuxeron para formar unha soa peza e tratar de averiguar a qué tipo de vehículo correspondía. Conseguírono nun taller mecánico, no que lles indicaron o modelo e o ano aproximado de fabricación do automóbil que conducía o infractor.
Esa mesma tarde, unha patrulla que realizaba labores de vixiancia entre Esteiro e Recimil viu aparcado un coche que coincidía coas características e que tiña danada unha óptica dianteira. Membros da Policía Xudicial acudiron cos restos encontrados no lugar do accidente e verificaron que encaixaban exactamente no faro roto, polo que se procedeu a localizar ao propietario, co que se diu poucos minutos despois.
Ademáis, noutro suceso, outro condutor ao que a Policía Local parou na intersección da estrada de Catabois coa prolongación de Batalla de Brión enfróntase a unha sanción por conducir baixo os efectos do alcohol, ademais de incumprir as medidas de confinamento polo estado de alarma.
Era arredor a unha e media da madrugada de onte cando unha patrulla que prestaba servizo na zona lle deu o alto ao home, que circulaba só nun vehículo. Preguntado polo motivo da súa presenza na vía pública, respondeu que volvía “de cear na casa da sogra”, que bebera “un bo número de cervexas co cuñado” e que se dirixía ao seu domicilio. Os axentes sometérono á proba de alcoholemia, que deu un resultado positivo. Por este motivo, instruíronse as pertinentes dilixencias ao xulgado.