Narón propón unha lectura colectiva para conmemorar o Día Internacional do Libro

Os veciños que desexen participar deberán mandar un vídeo lendo o conto infantil "A vaca que puxo un ovo"
maxresdefault (3)

O vindeiro xoves, día 23 de abril, conmemorarase o Día Internacional do Libro, una xornada que debido ao actual estado de alarma, non se poderá celebrar como en anteriores ocasións. Por iso, o Concello de Narón quere por en marcha unha iniciativa na que poderán participar todas as persoas que o desexen. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, explicou que a proposta consiste na lectura conxunta dun dos contos infantís de máis éxito na Biblioteca municipal, “A vaca que puxo un ovo”, de Andy Cutbill.

“Queremos que as veciñas e veciños graven un vídeo lendo esta historia e que o envíen á Biblioteca municipal, á dirección [email protected] ata o martes, día 21, ás 12.00 horas”, explicou Ferreiro. Unha vez que se reciban os vídeos, realizarase unha composición para que cada un dos participantes saia na imaxe lendo un fragmento do citado conto e que se poderá ver nas redes sociais do Concello e da Biblioteca municipal de Narón. “Entre todas e todos faremos unha lectura conxunta para conmemorar, atendendo ás actuais circunstancias, unha xornada como o Día Internacional do Libro, que xeralmente celebrábamos cunha gran variedade de actividades e que este ano queremos tamén celebrar”, asegurou a alcaldesa.

As persoas que non dispoñan do conto, indicou Ferreiro, poden descargalo a través deste enlace.

Relacionadas