Un total de 14 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal poderán iniciar xa os trámites para a contratación de persoal técnico de turismo coas axudas ás que a Deputación da Coruña destina nesta nova edición un total de 173.945,72 euros. O programa terá este ano un impacto especial á hora de contribuír á revitalización dun sector especialmente afectado pola crise da COVID19. Con ese mesmo obxectivo, a área de Turismo bota a andar este luns o Foro Turismo Covid 19 que analizará o impacto da pandemia no sector e as vías para a súa recuperación.
«Consideramos que, este ano de maneira especial, o persoal técnico pode contribuír a deseñar novas estratexias en cada un dos concellos e aplicar novas pautas que serán imprescindíbeis para a recuperación dun dos sectores máis afectados pola pandemia», sinala o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.
Foro Turismo Covid19
A colaboración do sector público e privado é unha das claves para a recuperación do turismo segundo representantes dos entes de xestión que participaron na primeira das xornadas do Foro Turismo Covid 19 da Deputación da Coruña. No encontro, definiuse a situación provocada pola pandemia como «catastrófica» e de grande «incerteza» para o sector pero tamén se destacaron as potencialidades do territorio para a futura recuperación que residen na aposta por un turismo sustentábel, de calidade, seguro e de proximidade.
Lucho Alcalá, o xerente da Mancomunidade Concellos da Comarca de Ferrol destacou que esta zona foi pioneira no turismo slow e activo, liñas que agora se presentan como propostas de interese e urxiu a sumar forzas para superar a crise xa que, segundo dixo, «é posible que o turismo slow ou rural, que se alonxe das aglomeracións, pode que estea en posición vantaxosa, pero non é consolo porque se non se rexenera o turismo urbano non vai a ningún lado. Ou saímos xuntos ou non imos a ningunha parte» e engadiu a necesidade de incorporar unha análise técnica de como remontaron no ámbito turístico outros destinos que sufriron catástrofes, guerras ou conflictos.
CONCELLO | IMPORTE |
Ares | 14.591,52€ |
Cabanas | 11.697,28€ |
Cariño | 11.456,16€ |
Cedeira | 13.264,96€ |
Fene | 9.044,32€ |
Moeche | 10.183,24€ |
Monfero | 10.491,44€ |
Mugardos | 10.853,20€ |
Narón | 16.279,76€ |
Neda | 8.441,36€ |
Ortigueira | 14.953,28€ |
Pontedeume | 16.038,56€ |
As Pontes | 14.229,76€ |
Valdoviño | 12.420,88€ |
TOTAL | 173.945,72 € |