Profesionais do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol que atenden a pacientes afectados polo Coronavirus Covid-19 están xa hai días facilitando o achegamento de pacientes, que non teñen posibilidade de facelo, cos seus familiares a través de videochamada en tabletas electrónicas.
Esta é unha das manifestacións máis claras da humanización máis alá da complexa actividade diaria. As videochamadas son posibles coas persoas que o propio paciente autoriza; e os nomes de contacto desas persoas autorizadas quedan reflectidos na historia clínica do paciente para acceso e coñecemento de tódolos implicados na atención.
Son as profesionais de enfermería as que se poñen en contacto co familiar ou persoa indicada para concretar o día e hora aproximada para a videoconferencia. Unha cuestión que hoxe en día parece tan vixente, como é a comunicación a distancia, está a permitir un momento de emoción durante illamento, como destacan as traballadoras dos andares que atenden a estes pacientes que, pola súa patoloxía, non poden recibir visitas. Isto implicou favorecer una vía de comunicación durante o ingreso.
Acompañamento no final da vida
Por outra banda, unha das cuestións sen dúbida más duras que trouxo consigo este virus foron os falecementos. E conscientes disto, decidiron facer posible circuítos que facilitaran a visita dun familiar a “aqueles pacientes nos que o empeoramento da situación clínica implicara un probable mal desenlace”, así como o acompañamento tralo falecemento. O comportamento e perigo da infección limita moito este achegamento, polo que se estableceu un protocolo, activo hai medio mes, e habilitáronse as fórmulas e lugares de contacto. “A visita será breve, con protección, e a o familiar que acuda non debe ser contacto de risco e non estar infectado polo SARsCov2”, recolle este protocolo.
O persoal facultativo é o que ofrece a información da situación clínica e informa a familia. Trala decisión consensuada con este profesional sobre a persoa que acudirá, profesionais de enfermaría póñense en contacto co dito familiar ou persoa e deciden o momento e condicións en que se levará a cabo a visita. Está designado en cada Unidade un lugar para se poder cambiar e deixar os obxectos persoais. Estas profesionais acompañan á persoa en todo momento, facilítanlle os equipos de protección e axúdanlle a poñelo e retiralo.
Como algunhas destas profesionais implicadas no andar de hospitalización afirman, “é una das cousas máis duras e ó mesmo tempo máis emocionantes da nosa vida profesional, permitir ese contacto tan necesario para eles”.