Ferrol repartirá mañá 15.000 máscaras entre comerciantes e usuarios do transporte público

Policía, Bombeiros e Protección Civil ocuparanse de distribuilas nas estacións e nos núcleos comerciais
Reparto-mascarillas-mercado-Mostoles_2223387650_7651938_1300x731

Persoal do Concello recolleu esta mañá na Delegación do Goberno en Galicia 15.000 máscaras para o seu reparto en Ferrol. Ante a obrigatoriedade de empregar estes equipos de protección individual nos transportes públicos, mañá comezaranse a distribuír entre os usuarios de buses, trens e taxis. Nesta primeira fase, tamén se lles entregarán estas EPIs a traballadores que acudan aos seus postos.

A Policía Local, os Bombeiros e a agrupación de Protección Civil faranse cargo da entrega dunha parte destas unidades. Os primeiros dous corpos cumprirán con este cometido sobre todo na quenda de mañá, nas dúas estacións e na estrada de Castela, Catabois, Caranza e a praza de Galicia, co que se cubrirán a práctica totalidade das liñas de bus, pero tamén estarán na zona hospitalaria, o polígono da gándara e o porto.

Por outra banda, mañá tamén haberá máscaras nos taxis e nos autobuses metropolitanos. O Concello púxose en contacto tanto coa empresa concesionaria do transporte de viaxeiros como cos dous colectivos de taxistas que hai na cidade para ofrecérllelas. Así, os usuarios que aínda non puideran facerse con unha terán a oportunidade de conseguila para cumprir coa norma nos seus desprazamentos.

O goberno local planea estender nos próximos días o reparto a outras actividades, en función das existencias, e sempre entregando equipos de protección individual que cumpran cos estándares e certificados conforme á normativa.

Relacionadas