O Concello de Ferrol abre mañá mércores, 3 de xuño, o servizo de préstamo con cita previa da Biblioteca municipal central, na praza de España. Os usuarios deberán solicitar ao persoal do centro o material que desexan retirar a través do número de teléfono 981 944 182, o correo electrónico [email protected] ou mediante o formulario que a partir das 9 horas de mañá estará habilitado na páxina da biblioteca municipal . Ademais, poderase consultar o catálogo on-line.
O concelleiro de Educación e Cultura, Antonio Golpe, explicou que o persoal bibliotecario será o encargado de confirmar o día e hora no que o usuario poderá acudir a recoller o material, que será entre as 9.00 e as 14.00 horas de luns a venres.
Pola súa banda, o Concello de Ortigueira informa das condicións de reapertura da biblioteca municipal xa, que aínda que Galicia está na segunda fase de desescalada, as obras que se están executado no edificio aconsellan seguir as recomendacións realizadas polo Ministerio de Cultura para abrir este tipo de instalacións na primeira fase.
Mañá mércores comezará o servizo de préstamo e devolución de materiais, sempre con cita previa a través do teléfono 981 400 101 ou do correo electrónico [email protected]. O horario de atención ao público será de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e será obrigatorio o uso de máscara.
Na reserva de cita haberá que especificar o material que se quere coller en préstamo e para iso pódese consultar o catálogo na dirección web https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal. Os préstamos que se efectuaron antes do estado de alarma están prorrogados ata o día 11 de xuño.
Discussion about this post